O éxito da folga paraliza o siderometal e o comercio do metal de Lugo

Lugo - 10 Mai 2023

A primeira das tres xornadas de folga convocadas no siderometal e no comercio do metal da provincia de Lugo en demanda de convenios dignos foi toda unha demostración de forza e unidade dos traballadores e das traballadoras, cun éxito rotundo de seguimento e cos principais centros de traballo sen actividade.

Na provincia hai unhas sete mil persoas reguladas polo convenio do metal e do comercio do metal (que en Lugo se negocian conxuntamente), e aínda que o centro da xornada estivo nos Polígonos do Ceao e As Gándaras, por ser o lugar que concentra o maior número de empresas e traballadores/as do sector, o seguimento foi practicamente total tamén en Rábade, Sarria, Monforte e Vilalba.

Dende ás 7:30h, un numeroso piquete informativo, que chegou a sumar arredor dun milleiro de persoas, percorreu as rúas do Ceao mentres ao seu paso as empresas que aínda non estaban paradas, ían pechando as portas e o persoal sumándose á mobilización.  

“Hoxe os traballadores e traballadoras lanzaron unha mensaxe clara e contundente: o sector está en loita para conseguir un salario e un convenio digno. Isto debera facerlle reflexionar a patronal sobre a súa postura, porque a súa intransixencia só nos vai levar a un conflito máis intenso e prolongado”, valoraba Afonso Losada, da CIG-Industria de Lugo, ao remate da manifestación realizada pasado o mediodía.

Losada lembrou que na última xuntanza, celebrada o pasado luns no marco do Consello Galego de Relacións Laborais, a patronal lanzou unha nova proposta que segue resultando insuficiente, toda vez que só incrementa medio punto o incremento global que xa había (4,5% para 2022, 4% para 2023 e 3% para 2024 e 2025), contempla unha revisión do IPC anual, pero topada no 1% e sen xerar atrasos nin efectos retroactivos.

“Obviamente, esta oferta a nós non nos pode valer”, aseverou, xa que a patronal continúa sen asumir as revisións anuais conforme ao IPC real nin pagar a totalidade dos atrasos  xerados, non garantindo así nin o mantemento do poder adquisitivo nin a recuperación dos salarios perdidos.

Neste sentido tamén se pronunciaba o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas ‘Tupi’, subliñando que nesta negociación cómpre “recuperar o poder adquisitivo dos salarios, evitar a aplicación da reforma laboral no convenio colectivo, e que non se perda ningún dereito que xa está recoñecido”. Tupi incidiu no contexto de inflación disparada e que a patronal “non quere recoñecer o IPC real de 2022 nin abonar os atrasos xerados dende entón. Para nós, calquera acordo que se asine ten que recoller o pago dos atrasos dende xaneiro de 2022 e que os soldos se actualice, como mínimo, o mesmo que suba o custe da vida”.

Afonso Losada xa avanzou que, de non producírense avances nas próximas semanas, a folga continuará os días 23 e 25 de maio. “Neste momento non está fixada data de reunión da mesa de negociación, pero esperemos que a patronal tome boa nota da contundente resposta que hoxe lle deu o persoal”.

“Como se puido comprobar hoxe, hai ganas e ánimo entre o persoal para se mobilizar e facemos un chamado ao conxunto dos traballadores e das traballadoras a seguir na loita até conseguir unhas condicións salariais e laborais dignas”, concluíu Tupi.

A xornada transcorreu sen incidentes e o únicos momentos de tensións que se viviron foron diante dos estabelecementos de Recambios Frain, cuxo propietario representa ás empresas do comercio do metal na mesa de negociación.  Despois de pechar a porta, saír o persoal e marchar o piquete, os propietarios quixeron continuar coa actividade a porta cerrada. Unha manobra que indignou os traballadores e as traballadoras en folga, mais aínda tendo en conta actitude chulesca e prepotente mantida por estes empresarios todo o tempo.