Seguimento masivo da 2ª xornada de folga no transporte, mentres a Xunta segue sen reaccionar

As centrais sindicais instan a Consellaría "a pór día e hora" para unha reunión tripartita

Nacional -

A segunda xornada de folga no transporte de viaxeiros/as está a rexistrar novamente un seguimento maioritario, que acada case o 100% do persoal no transporte de liña e ten unha "elevadísima incidencia" tanto nos autobuses dos obreiros/as como no escolar. Á vista deste éxito, a FGAMT-CIG cualifica de irresponsábel a actitude da Consellaría de Infraestruturas, que segue a facer oídos xordos e non responde á proposta formulada dende os sindicatos para concretar unha nova xuntanza. "Coa súa postura, o único que consegue a Xunta é dificultar unha saída rápida ao conflito".

Como aconteceu no día de onte, a xornada transcorre sen incidencias, mais coa actividade practicamente paralizada nas estacións de autobuses de todo o país. A este respecto, Xesús Pastoriza, responsábel de Transportes da CIG, criticou, nunha rolda de prensa conxunta cos responsábeis de transportes de CCOO e UGT, as manifestacións realizadas dende a Xunta de Galiza "tentando demonizar os piquetes informativos, cando a realidade é que non houbo ningún incidente".

Pola contra, destacou a "concienciación" que existe entre os traballadores/as da necesidade de ir á folga, porque saben que "se a Consellaría de Infraestruturas leva adiante o seu plan de transportes, entre un 20 e un 30% dos empregos actuais desaparecerán". "Estamos falando, advertiu, da perda de 1.000 postos de traballo en Galiza en menos de dous anos. Isto é o que está provocando realmente o éxito do paro".

Falta de noticias da Consellaría

Diante da resposta masiva do persoal á convocatoria, Pastoriza afeou "a falta de noticias da Consellaría" e lanzou un chamamento á administración para "actuar con sensatez" e sentar a negociar. "Parece obvio que hai que crear unha mesa de negociación para tentar chegar a acordos e solucionar o conflito", aseverou, logo de culpar a Xunta de "pegarlle unha patada á solución do conflito" desconvocando a reunión tripartita pactada para o pasado luns e tentando realizar reunións a dúas bandas. "Dicímoslle á Consellaría que poña hora, día e lugar que alí estaremos, pero conservando o formato que se pactou: unha reunión tripartita (administracións, patronal e sindicatos)".

Neste senso, o responsábel de Transportes da CIG quixo responder ás acusacións "veladas" da Xunta a respecto dunha suposta pinza entre empresas e organizacións sindicais. "Nego rotundamente esas acusacións. É certo que sindicatos e patronal coincidimos nunha soa cousa: o rexeitamento ao plan de transporte, pero de igual maneira que as asociacións de nais e pais teñen manifestado a súa oposición a este plan", aseverou.

"Temos que destacar que esta folga está convocada tamén para esixir da patronal o desbloqueo da negociación colectiva, porque os catro convenios provincias están sen asinar. O caso de Pontevedra é sangrante xa que leva en ultraactividade dende 2011, e os da Coruña e Lugo dende 2015. A folga tamén é para pedir solucións aos convenios", aseverou.

Dous anos para negociar "con calma" o plan de transportes

Sobre a urxencia da administración galega para pór en marcha o novo plan, Pastoriza instou a abordar con calma a reorganización do mapa de transporte de viaxeiros/as por estrada, que este se adecúe ás necesidades do país e que se garantan os empregos e a prestación de servizos á cidadanía. "De aquí a 2019 temos tempo", aseverou, en referencia á vixencia do actual plan. Neste senso, lembrou que a Consellaría de Infraestruturas ten competencias para obrigar as empresas que renunciaron as liñas deficitarias a continuar prestando o servizo e mesmo pode adxudicar esas concesións de xeito provisional a outras compañías. "Non hai por que sacar o novo plan ás presas, quedan dous anos por diante até que caian as concesións", afirmou.  

"O que non pode ser é que nos queiran vender como un plan magnífico a supresión de 500 rutas escolares e que as e os cativos vaian nos autobuses de liña", denunciou Pastoriza. "Esta medida haina que enmarcar na política de recortes do PP; agora queren aforrar reducindo o transporte escolar".

Folga o próximo martes e mércores

Así as cousas, de non producírense avances nos próximos días, a folga continuará de maneira indefinida todos os martes e mércores, aínda que dende as organizacións sindicais xa advertiron que "non descartamos que a folga pase a ser indefinida".

Volver