O G20 e o debate sobre a orde mundial

Julio C. Gambina - 11 Xul 2017

O G20 cumprirá unha década en 2018 desde a súa nova función asumida en 2008 e os seus resultados son escasos para o propio poder mundial. Nin falar para os desempregados e empobrecidos do mundo. A desigualdade crecente é a realidade dos esforzos por normalizar o “mercado libre”, e outro tanto ocorre coas negociacións da OMC

Desde o 2008 funciona o G20 como cimeira de Presidentes para debater acerca da crise mundial do capitalismo e as súas formas de solución. Pouco saíu deses conclaves aínda que xa son unha rutina do sistema mundial. Agora Alemaña coordina as reunións e no 2018 farao Arxentina, presidida polo goberno de Mauricio Macri, que xera expectativas entre as clases dominantes do mundo sobre o futuro e as perspectivas da rexión latinoamericana e caribeña.

 É que Nuestramérica ocupou desde primeiros do século XXI o lugar do cambio político respecto da hexemonía neoliberal construída desde a saída á crise de fins dos 60 e comezo dos 70. O que empezou como terrorismo de Estado no cono sur de América, está agora estendido como militarización do sistema mundial. As experiencias despregadas desde o ‘caracazo’, aínda con matices, xeraron esperanzas e expectativas no ámbito global, alentando novos procesos de transformación social máis aló da rexión.

 A resposta ante a ameaza da nosa rexión ao poder mundial foi antidemocrática, con “golpes parlamentarios” en Honduras, Paraguai ou Brasil. A lexitimación pola disputa dun retorno á axenda da liberalización outorgouna o triunfo electoral de Macri en Arxentina do 2015. Esa legalidade de orixe intenta ser lexitimada con sinais políticos e ideolóxicos provenientes do poder mundial, desde a visita de Obama ou Merkel á Arxentina, a amizade de Trump cara ao Xefe de goberno na Arxentina; as visitas dos organismos internacionais e o desembarco da OMC en decembro próximo. A guinda é a presidencia do G20 para o próximo ano 2018.

O G20 e a disputa hexemónica

 O G20 trata sobre a crise mundial e xera axenda para retomar o rumbo da liberalización (apertura económica) afectado polos sucesos múltiples que fixeron eclosión contra o ano 2008 con forte impacto na gran banca de investimento estadounidense (Lehman Brothers entre outros) e que se estendeu ao conxunto da orde mundial en materia económica, financeira, alimentaria, enerxética, ambiental, poñendo en discusión a orde civilizatoria contemporánea.

 As reunións como tales pouco resolven en termos económicos e sociais, pero serven para actualizar as correlacións de forza sobre a orde mundial.

 EEUU foi o mentor do grupo, convocado por George Bush nos finais do seu mandato, ampliando desde o G7 (EUA, Alemaña, Francia, Inglaterra, Italia, Xapón e Canadá) con países emerxentes como China e Rusia; México e Brasil; Sudáfrica, o ámbito do consenso para as orientacións de política global. Arxentina era parte do G20 “técnico” xurdido en 1999 e quedou como socio fundador xunto a outros convidados que non integraban o núcleo orixinario, caso da Unión Europea ou España. Estes demandaron ser parte do selecto grupo autoerixido por riba da ONU para discutir as vicisitudes da crítica emerxente cara ao 2008.

 A recente reunión en Hamburgo atopou en soidade a Trump, que non validou o consenso sobre o acordo de París como ámbito relativo ao tratamento sobre o quecemento global. É debilidade ou fortaleza de EUA? O que se disputa é a hexemonía do sistema capitalista nas condicións de débil crecemento que amosan ano a ano as estatísticas e prognósticos de organismos internacionais como o FMI ou o Banco Mundial.

 EUA é o único que impón condicións globais desde o seu poderío económico, especialmente da súa moeda (malia as debilidades do dólar), o seu despregue militar e a súa influencia ideolóxica simbólica cultural. A soberanía monetaria permítelle ao goberno en Washington soster o déficit fiscal e comercial que queira (dito relativamente) xunto ao maior endebedamento en termos absolutos na propia moeda. Aínda que son un conxunto de Estados federados, a súa lóxica histórica integrada permítelles compensar con política fiscal as limitacións de estados sub nacionais con dificultades.

 Non ocorre o mesmo en Europa, onde a hexemonía alemá non favorece o sostemento de Estados nacionais en situación crítica, claramente demostrado en Grecia, pero tamén expresado co Estado español, Italia, Portugal ou outros socios de menor envergadura no armado europeo. Europa está lonxe de ser a Federación que é EEUU, aínda cando a súa estratexia de integración o supón.

 Xapón arrastra a súa crítica situación de crecemento pobre desde os 90 do século pasado e ve limitada as súas posibilidades na disputa hexemónica, sobre todo coa emerxencia de China como actor económico e político mundial nas últimas décadas. China poténciase na sociedade con Rusia e a súa proxección desde que en 2013 freou a iniciativa militar estadounidense contra Siria. Canadá só actúa como socio menor das decisións estadounidenses.

 Insistamos que EUA é o único país en condicións de funcionar con relativa autonomía do sistema mundial. Iso susténtase na soberanía monetaria despregada desde 1971 coa non convertibilidade do dólar. Nin as tenzas chinesas de billóns de dólares investidos en Bonos do Tesouro son problema, xa que de ser necesario cancélanse con emisión, o mesmo que os déficits xemelgos (fiscal ou comercial), todo o que sustenta o aforro privado e o investimento do capitalismo estadounidense.

 Ninguén no mundo ten esa calidade, máis aló de calquera intento de política económica de austeridade ou na contrapartida de expansión monetaria. É quizais China o único que avanza no sentido de lograr unha moeda nacional con aceptación mundial, o esforzo dos últimos anos desde o seu predominio na produción material e innovación tecnolóxica asentada en robots, nanotecnoloxía e intelixencia artificial, promovido na extensión en relacións comerciais e económicas con todos os países do mundo.

 No G20 exprésanse estas tensións e mentres EEUU discute a reorganización ao seu favor das relacións globais e a liberalización, China organiza os seus vínculos sostendo aspiracións tradicionais do libre comercio de quen disputa un lugar na hexemonía do capitalismo. Discútese o rumbo do mundo e EEUU segue tendo a manilla e o poder global desde o dólar, a súa capacidade bélica e de influencia cultural. Non se trata de Occidente contra Oriente, senón da hexemonía na orientación da orde capitalista.

Arxentina e o seu papel no mundo

 Aí é que se move a Arxentina, recoñecida polo poder mundial pola potencialidade de modificar o rumbo estratéxico de Nuestramérica, desde o cambio político destes primeiros anos do século XXI á reinserción subordinada na lóxica liberalizadora que impoñen os grandes capitais transnacionais que organizan o modelo produtivo e de desenvolvemento contemporáneo.

 Macri imaxinouno co liderado demócrata de Hillary Clinton, pero sen problema en se adecuar con Donald Trump mesmo cando só aparecen negocios e investimentos desde China.

 Insistamos, nin occidente nin oriente, só capitalismo de época, transnacionalizado e liberalizador, a pesar do medio ambiente e da calidade de vida da forza de traballo e os pobos.

 Arxentina prepárase para cumprir o seu papel na lóxica de sustentación da orde capitalista. Non ten soberanía monetaria nin define a orientación da produción para atender as necesidades da súa poboación. Depende dos ingresos de divisas: dólares, euros, iens ou iuans, pesos brasileiros ou chilenos, en rigor, de quen estea disposto a transformar diñeiro en capital para unha lóxica de produción e reprodución dunha cotidianeidade insere de xeito subordinado no mundo. Polo de agora só obtén fondos para a especulación financeira que se pagan co produto do traballo social no país, canalizado vía orzamento.

 O goberno Macri sustenta un discurso funcional aos requirimentos do poder global e que pretende sexa asumido como o único posíbel. É un relato acompañado masivamente pola prensa e o clima dun “sentido común” que non imaxina pensar máis aló do capitalismo. As oposicións teñen dificultade para se afastar do núcleo duro do diagnóstico e proposta macrista, xa que Arxentina non se moveu do modelo produtivo e de desenvolvemento organizado desde a ditadura xenocida.

 A inserción subordinada á transnacionalización non nace en 2015 e a clase dominante poboada por acredores externos, transnacionais da alimentación e a biotecnoloxía; as automotrices e as petroleiras; xunto aos servizos bancarios e grandes cadeas comerciais entre outros, son parte dunha estratexia asociada á liberalización mundial emanada desde a imaxinación e iniciativa do Plan Martínez de Hoz en diante. É certo que no medio non todo é o mesmo e existen momentos da historia recente que intentaron políticas que atenuasen eses reaccionarios efectos, pero sen afectar o núcleo estructural de redefinición das relacións sociais de produción hexemónicas no país.

 O goberno Macri intenta “normalizar” a situación en Arxentina, difícil pola tradición de loita das súas traballadoras e traballadores, con longa traxectoria de confrontación na loita por dereitos sociais. O país é o trampolín que miran as clases dominantes mundiais para recuperar a rexión nuestramericana á “normalidade” capitalista do libre comercio e a liberalización.

 Non é tarefa sinxela ou doada, non só polas loitas locais estendidas en Arxentina, senón pola persistencia e a consolidación da proposta boliviana do proceso de cambio e a defensa do proceso bolivariano venezolano co seu constituínte e a intención de facer visíbel a súa experiencia de poder comunal escasamente coñecido; pero tamén coa teimosía cuba para soster un proxecto socialista en tempos de transición gobernamental da histórica camada da revolución a novas xeracións.

Antiimperialismo no noso territorio

 A intencionalidade do poder mundial susténtase na posibilidade de visibilizar a realidade política local co conclave da ministerial da OMC en Arxentina en decembro e do G20 en xullo do 2018. En ambas as reunións trátase a axenda da transnacionalización, o alento ao libre xogo (mentirán) do mercado, como expectativa do imperialismo.

 Se esa axenda avanza, sexa en materia de comercio electrónico, liberalización da pesca ou cambio educativo (reaccionario e privatizador) causará importantes efectos regresivos en materia de desemprego e súper explotación, non só no país, senón en todo o mundo, polo que se require continuar o exemplo da protesta estendida nas rúas alemás polos movemento sociais e políticos críticos co programa de máxima da dominación e polo antiimperialismo.

 O xigantesco operativo de seguridade non impediu a visibilidade que adquiriu a protesta, mostrando que non só hai política e ideoloxía do poder, senón tamén iniciativa de contrapoder e procura na construción de alternativas civilizatorias, como antiga procura emancipadora dos pobos.

 Por iso é que existe o desafío de construír unha gran resposta contra as cimeiras da OMC e o G20 en Arxentina, algo que está en proceso, en simultáneo á represión que se planifica, para intentar blindar os visitantes do poder mundial que negociarán a liberalización en territorio porteño no nome da OMC ou do G20.

 O G20 cumprirá unha década en 2018 desde a súa nova función asumida en 2008 e os seus resultados son escasos para o propio poder mundial. Nin falar para os desempregados e empobrecidos do mundo. A desigualdade crecente é a realidade dos esforzos por normalizar o “mercado libre”. Outro tanto ocorre coas negociacións da OMC, atravesadas polas disputas entre os capitais hexemónicos e os seus países de orixe por liderar a situación mundial contemporánea.

 A voz dos pobos é a outra cara, máis aló da liberalización e na procura doutra orde, máis asentada na produción de valores de uso que bens de cambio, pola des-mercantilización e a ampliación de dereitos, polas soberanías alimentarias, enerxéticas, populares; pola emancipación social.

 Máis aló do debate polas opcións neoliberais ou neo-desenvolvementistas para sustentar a orde do capital, hai posibilidade de pensar noutro mundo posíbel e desenvolver a experiencia histórica da loita dos pobos. Claro que isto que escribo está concernido por unha data de tradición histórica na Arxentina como é o día da independencia nacional.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 10 de xullo de 2017]