O Goberno español debe explicar por que non resolveu aínda o indulto a Pintos

Ferrol - 25 Xan 2024

O edificio da Xunta en Ferrol foi o lugar no que esta tarde se realizou unha nova concentración para reclamar xustiza para o compañeiro e ex secretario comarcal da CIG, Xesús Anxo López Pintos. Hai xa un ano e dous meses que se presentou a solicitude formal do indulto (que estivo acompañada por máis de 5500 sinaturas e as adhesións aprobadas por varios plenos municipais e comités de empresa da comarca de Ferrol), pero o Goberno español continúa sen resolver a petición.

"O goberno non pode seguir atrasando a concesión do indulto a Pintos, que supón reparar un acto de inxustiza como o vivido polo compañeiro. Ten que dar explicacións de por que non recoñece o indulto" aseverou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, durante a concentración.

Un silencio do Executivo de coalición que reviste maior gravidade por canto o propio Goberno se autodenomina progresista e abandeira a defensa dos dereitos e liberdades sindicais. Carril lembrou que xa pasaron 11 anos dos acontecementos e, ao igual que naquel 4 de outubro de 2012, estamos ante un proceso de eleccións autonómicas. "Non reparar unha actuación inxusta como a vivida por Pintos e atrasar a súa resolución é intolerábel".

O secretario xeral agradeceu o BNG a iniciativa presentada no Congreso das e dos Deputados para urxir o Goberno español a tramitación da medida de graza e pídelle ao PSOE que concrete a súa postura a este respecto.

Nesta liña, reiterou que cando berramos que "todos e todas somos Pintos" é porque ningunha persoa está libre do sufrir o mesmo que padeceu o compañeiro, no referido á impunidade policial na agresión e trato vexatorio e na actuación inxusta do poder xudicial.

Nun contexto como o actual, de crise social, extensión alarmante da pobreza laboral e de aplicación de duras políticas neoliberais, a mobilización e a resposta social convértense nunha necesidade da clase obreira galega para defender os seu dereitos, "mais que está ameazada polo mesmo que lle pasou a Pintos e pola vixencia dunha lei mordaza e un código penal que agrava delitos relacionados coa mobilización social".

Por iso, á espera dese acto de reparación e xustiza para Pintos, da derrogación da lei mordaza e da lexislación que limita e criminaliza a loita social, seguiremos a mobilizarnos na rúa todas cantas veces sexa necesario.