O grave problema dos tratados de libre comercio

Ricardo Arturo Salgado Bonilla - 24 Nov 2016

A apoloxía do neoliberalismo é algo así como unha seita relixiosa de adoración ao diñeiro, que xera unha especie de “mundo sociedade anónima”.

Cando se subscribiu o Tratado de Libre Comercio entre Estados Unidos, Canadá e Mexico, a primeiros dos anos noventa, no medio da euforia provocada polo colapso político do bloque socialista, iniciouse unha viaxe cruel para os pobos na dirección da miseria e a desigualdade. Axiña, as clases dominantes de países e rexións asumiron que atoparan a panacea para a reprodución perpetua do seu capital.

O grave problema dos tratados de libre comercio

 Xurdiu cos TLC un movemento social que se fortaleceu co paso dos anos, esencialmente porque as previsións pesimistas que fixeran foron quedando cada vez máis curtas, ante as desastrosas consecuencias que na realidade ten a concentración intensiva de riqueza e a fabricación permanente e acelerada de desigualdades que estes contribúen a crear.

 O concepto de “asimetría” foi tomado con moita lixeireza, aínda que a construción lóxica deste ao redor dos TLC era moi sólida. Ignorando iso, Centroamérica e Republica Dominicana asinaron o CAFTA, tratado de libre comercio con Estados Unidos, que constitúe, como a historia se foi encargando de probar, nunha carga cada vez máis pesada. Xa en 2017, levantaranse as restricións que protexen a produción agrícola (alimentos) nestes países, que terán que abrir as súas portas aos fortemente subsidiados produtos norteamericanos, o que irremediabelmente provocará a creba de miles de pequenos agricultores, así como a intensificación da crise alimentaria.

 Para os apoloxetas do monetarismo, o mercado totalmente aberto, sen participación reguladora de ningún tipo, é a utopía perfecta. Pero para os pobos, isto representa un camiño complicado que leva aceleradamente á perda absoluta da soberanía, e, con iso, á inevitábel desaparición das nacións, e de toda a idea de sociedade que até o de agora tivemos. A apoloxía do neoliberalismo é algo así como unha seita relixiosa de adoración ao diñeiro, que xera unha especie de “mundo sociedade anónima”.

 Nada do escrito é novo, pero é necesario como preámbulo para abordar a situación global actual. O triunfo de Donald Trump en Estados Unidos, visto por moitos como unha sorpresa, e por outros como unha maldición, ten moito que ver coa desfeita producida en Estados Unidos a raíz destes TLC. Un país inmenso, que segue no papel de ‘policía do mundo’, mantén 43 millóns de pobres (recoñecidos oficialmente), unha sub nación, ignorada pola “liberal stream media”, que crece sen cesar, a partir da vaga de migración de industrias xigantescas que deixaron grandes cidades fantasmas, no que algunha vez foi o sostén e orgullo do imperio.

 Durante a súa campaña, Trump non se cansou de mencionar os TLC, nin de lembrar os 20 trillóns de dólares que posúe como débeda o goberno federal norteamericano. Está claro que a globalización neoliberal demostrou que o capital non ten patria, pero os pobres si. A maquinaria do “libre mercado” resultou ser unha industria pesada de produción de pobres, en todo o mundo. Eses pobres, reducidos á súa mínima expresión non só nas súas condicións materiais de existencia, senón tamén nas súas probabilidades de superar a súa condición actual, constitúen unha forza xigantesca en todo o mundo, e ese sector da oligarquía gringa que representa Trump entendeuno moi ben.

 A posición de Trump, abertamente contraria aos Tratados Transpacífico de Libre Comercio coa Unión Europea, seguramente asusta o establishment mundial. Todos eses individuos que se enriqueceron tolamente durante trinta anos grazas á especulación de altos voos, vense finalmente ameazados por unha vaga que parece levar o mundo a unha nova era fascista, nunha nova versión autoritaria do capitalismo, non tan “libre”.

 As masas empobrecidas, tanto nos países industrializados como nos máis pobres, constitúen un caldo de cultivo para as ideas máis radicais, malia a máquina de manipulación mundial que controla pobos enteiros e os utiliza como coelliños de indias para terríbeis experimentos sociais. Sen dúbida, os medios de comunicación convertéronse no “opio dos pobos do século XXI”.

 Agora mesmo, lévase a cabo a reunión da APEC en Perú, onde o saliente presidente Obama, se desfai en explicacións, tratando de acougar os ánimos dos seus amigos, dicindo que ao final, a nova administración Trump non cambiaría a ruta trazada, e que o tratado transpacífico seguirá adiante. Igual mensaxe deixa Obama para os latinoamericanos sobre a continuidade da política estadounidense para esta parte do mundo. Di Obama que “non é o mesmo a campaña que gobernar”.

 Ao mesmo tempo, Trump avanza na caza de ‘talentos’ para o seu gabinete. Xa se fala do regreso de Rudolf Giuliani, e da posibilidade de que o novo Secretario de Estado sexa Mitt Romney. Ademais, parece que Trump recorreu ao vello oráculo de Henry Kissinger, un dos reitores da visión dos famosos falcóns. Todos eles militaristas, amigos da política do “garrote”.

 A asociación mundial, ao redor da globalización expresada en Tratados de Libre Comercio (que son acordos profundamente políticos), alcanzou puntos de moita tensión e desacordo. Por exemplo, Rusia abandonou recentemente a Corte Penal Internacional, argumentando que non cumpriu os propósitos para os que foi creada, que gasta 16 millóns de dólares ao ano, e só foi capaz de emitir catro condenas en 16 anos, todas elas contra países débiles. A Rusia uníronse varios países que deixan atrás o Estatuto de Roma, que, dito sexa de paso, non foi ratificado por Estados Unidos nin China (este último tampouco o asinou).

 Os organismos internacionais, que operan ao servizo do mundo neoliberal, son un fracaso estrepitoso, e cada día perden credibilidade por seren máis unha ameaza para os pobos e as nacións. No caso da OEA, por exemplo, o papel desta foi sempre gris, ao servizo dos intereses neocoloniais de Estados Unidos na rexión. Con todo, baixo a xestión de Luis Almagro, máis parece un xendarme ao servizo do capital especulativo. Cos seus agravios permanentes contra Venezuela, a súa participación descarada en actos que incitan á violencia contra o presidente Maduro, ou o seu silencio criminal en feitos como o Golpe de Estado en Brasil, a OEA non é máis que un espantallo indesexábel, liderado por un mercenario disfrazado de diplomático.

 E seguimos coa OEA, que agora é parte do proxecto de “revolucións de cores” en Centroamérica. Emulando o actuado pola ONU na desfeita guatemalteca, agora Almagro puxo en Honduras unha Misión de Apoio Contra a Corrupción MACCIH, que ten como propósito (confeso) converterse en modelo exportábel a outros países, que pretenden poñer gobernos transnacionais a rexer estes países que están condenados a ser os primeiros en fenecer. Será que a OEA foi un organismo pulcro e santo ao longo da súa existencia.

 Por agora, polo menos, os tratados de libre comercio, están no centro da atención mundial. Estes xeraron enormes problemas para as sociedades do mundo, e moitos de nós deberiamos, quizais, emprender unha nova loita, similar á que acabou derrotando o ALCA, para ter a oportunidade de saír desas camisas de forza. Para iso deberiamos saír de gobernos obedientes e non deliberantes como o de Macri, Temer, Peña Nieto ou Juan Orlando Hernández (por mencionar uns cantos) que están felices facendo estragos, afondando o neoliberalismo que tan alto custo nos fixo pagar.

 A idea de globalizar o mundo quizais non é mala, como non o é o desenvolvemento tecnolóxico, pero debería esa globalización estar a cargo dos pobos. A década seguinte ben podería estar marcada por unha loita por desarticular eses tratados, recuperar a soberanía dos pobos, e reconstruír todo o sentido crítico do Estado. Seguramente, isto debería ser parte dun amplo programa político tanto nacional como rexional.

 

[Artigo tirado do sitio web TeleSur, do 20 de novembro de 2016]