O Hospital da Mariña non contará con resonancia magnética nuclear fixa

CIG-Saúde acusa o PP da comarca “de enganar os mariñaos e as mariñás”

Burela -

A CIG-Saúde esixe do SERGAS que rectifique na súa decisión e dote o Hospital da Mariña dunha resonancia magnética nuclear fixa que permita ofrecerlle aos e ás doentes un diagnóstico precoz, acurtar os tempos de agarda e frear as derivacións que se están a producir a centros privados da provincia “para realizar unhas probas que terían que facerse na Mariña”.

A resonancia magnética, explican, é unha ferramenta insubstituíbel, segura e indolora na cal se utiliza un campo magnético e ondas de radio para obter imaxes detalladas dos órganos e as estruturas do corpo. Utilízase para detectar unha gran variedade de afeccións: os problemas cerebrais, da medula  espinal, o esqueleto, o tórax, os pulmóns, o abdome, a pelve, os pulsos, as mans, os nocellos e os pés.

A resonancia magnética é unha ferramenta insubstituíbel, segura e indolora que se usa para detectar unha gran variedade de afeccións"

Malia os anuncios propagandistas do PP, no día de onte, o SERGAS confirmou que a pesares da "ampliación" do Hospital da Costa, este non contará cunha RNM fixa e que  seguirá tendo soamente unha unidade móbil que acudirá ao centro uns días ao mes.

Ante este novo golpe á sanidade pública da comarca, a CIG-Saúde considera que “xa abonda de mentiras,  de afastar a sanidade da xente,  de querer converternos en cidadáns e cidadás de segunda, de obrigarnos a sufrir longas listas de espera ou a desprazamentos innecesarios a Lugo para facer negocio coa nosa saúde e así encher o peto de empresas amigas”.

Neste senso, apuntan que a falta dunha resonancia nuclear magnética fixa no Hospital da Mariña provoca un aumento das listas de agarda; o incremento das derivacións á medicina privada, concretamente ao centro privado-concertado POLUSA na capital de provincia, alimentando aínda máis con cartos públicos a este centro; e o atraso nos diagnósticos, “cando poder contar cun diagnóstico precoz resulta vital para instaurar o tratamento necesario e mellorar o prognóstico da patoloxía”.

As promesas baleiras do PP

Dende CIG-Saúde lembran que a creación deste servizo é unha vella promesa do PP, que hoxe se revela como unha mentira máis. Así, o 29/11/2014 o daquela alcalde do PP de Burela, José María González Barcia, aseguraba que pedir unha resonancia nuclear magnética fixa sería oportuno «se non estivese en marcha o proceso de ampliación deste centro hospitalario». Deste xeito daba a entender que coa tan cacarexada ampliación, a veciñanza da Mariña disporía dunha RNM fixa no Hospital da Costa. O agora Delegado Territorial da Xunta cansouse de repetir que coa ampliación, a comarca contaría con “máis e mellores servizos e que nunca teríamos tantos e mellores servizos como coa ampliación”.

“Historicamente, o PP reiteraba que a falta de espazo era o motivo para non dispor da RNM fixa e agora que dispoñemos de máis espazo tampouco disporemos desta ferramenta diagnóstica radiolóxica. Son estes os "máis e mellores servizos" anunciados polo PP para a sanidade da nosa comarca?”, pregúntanse dende CIG-Saúde A Mariña.

Esperas de máis de oito meses para unha resonancia

O SERGAS confirmou que a pesares da ampliación, o Hospital da Costa seguirá tendo soamente unha unidade móbil que acudirá ao centro uns días ao mes"

Dende a Federación de Saúde da CIG subliñan que as consecuencias da falta de RNM fixa son evidentes e claro exemplo é o caso do doente que foi chamado a facer unha resonancia tras reclamar e ameazar con tomar medidas legais, ao ser citado para o seu diagnóstico en novembro de 2018.

O caso, feito público pola  Plataforma Sanitaria da Mariña (da que forma parte esta central sindical) foi o seguinte: un paciente ponse en contacto coa Plataforma porque quere que se lle axude a facer una reclamación en Atención ao Paciente. O home padece de dor, inchazón e tumefacción no antebrazo esquerdo dende o mes de xullo deste ano. Acode ao seu médico de cabeceira, que lle pon un tratamento ao que non responde e por este motivo vai ao Servizo de Urxencias do Hospital da Costa, do cal sae sen diagnóstico e co mesmo tratamento que lle puxeran no centro de saúde.

O problema persiste, non mellora en absoluto, derívano a Reumatoloxía e danlle cita para o 7 de novembro do 2017, solicitándolle analítica, resonancia e radiografías, mais cítano para ver os resultados e coñecer o seu diagnóstico e establecer un posible tratamento o día 26 de novembro de 2018, máis dun ano despois da súa consulta de Reumatoloxía.

Por todo isto, o paciente presentou unha reclamación en Atención ao paciente o día 23 de novembro de 2017, solicitando que se lle axilizasen os trámites para diagnosticar e tratar o seu proceso, cualificando de "inadmisíbel" semellante lista de espera. Na reclamación, que ten o número de rexistro 2727, o usuario conclúe que de non axilizarse os trámites tomará as medidas legais que considere oportunas.

O 28 de novembro, o paciente recibe una chamada telefónica na que lle notifican que vaia ao hospital o día 29 de novembro a realizar a devandita resonancia. Dita resonancia foi mal realizada non sendo valida e a día de hoxe, 18 de xuño de 2018, continúa agardando. É dicir unha espera de 8 meses, polo que segue sen saber o diagnóstico e sen tratamento de ser necesario.

CIG-Saúde esixe ao PP que deixe de desprezar e enganar á veciñanza da Mariña e reclama do SERGAS que rectifique na súa decisión e dote o Hospital da Mariña dunha resonancia magnética nuclear fixa.

Volver