O imperialismo: A cuestión da ditadura e a democracia

James Petras - 07 Set 2018

O imperialismo occidental está expandindo o seu dominio, profundando a súa intervención e aumentando o custo humano e material nos pobos obxecto dela. Entre mentres, o silencio é absoluto e a ausencia (cando non complicidade) dos que pretenden ser movementos antiimperialistas e intelectuais é total

 Un dos máis abraiantes avances históricos do mundo do imperialismo occidental (Estados Unidos e a Unión Europea) é a desaparición e disolución dos grandes movementos antiimperialistas e antiintervencionistas (AIM, polas súas siglas en inglés) que levaban anos funcionando.

 Unha das razóns principais desta desfeita é a escasa predisposición ou a incapacidade dos AIM a enfrontarse coas elites imperiais xurdidas de eleccións e comprometidas en guerras rexionais contra réximes nacionalistas ditatoriais ou autoritarios.

 Neste artigo ocuparémonos de debuxar a dimensión do problema. Despois, analizaremos as consecuencias políticas e económicas das nefastas políticas dos AIM. Daremos fin a este traballo coa proposta de alternativas ao actual impasse.

Dimensión do problema: o imperialismo e a conquista dos réximes ditatoriais independentes

 Nas tres últimas décadas, os réximes imperiais xurdidos de eleccións e liderados por Estados Unidos interviñeron, invadiron e conquistaron varios réximes ditatoriais ou autoritarios independentes, entre eles Iraq, Afganistán, Libia, Siria e Ucraína. Agás  no caso do inicio da invasión de Iraq, prácticamente non houbo oposición masiva dos AIM.

 Durante as conquistas imperiais e despois delas, os AIM ignoraron os millóns de persoas asasinadas ou desarraigadas e a destrución da estrutura socioeconómica das súas sociedades. Os AIM non reaccionaron ante a imposición occidental de colaboradores coloniais designados para gobernar os réximes vasalos.

 Nestes momentos, o imperialismo occidental está involucrado nunha guerra política e económica para derrocar -ou dominalo- o goberno autoritario de varios países sacudidos por crises, entre eles Turquía, Venezuela e Nicaragua. A oposición por parte dos AIM é inexistente ou demasiado débil. Todo o contrario; en nome da democracia, moitos intelectuais occidentais apoian as tomas do poder apoiadas polo imperio.

 O imperialismo occidental está expandindo o seu dominio, profundando a súa intervención e aumentando o custo humano e material nos pobos obxecto dela. Entre mentres, o silencio é absoluto e a ausencia (cando non complicidade) dos que pretenden ser movementos antiimperialistas e intelectuais é total.

 Cales son as razóns da negativa dos AIM ao recoñecemento e a reivindicación dos valores democráticos? A que se debe a ausencia de solidariedade e oposición das nacións á depredación exercida polas potencias occidentais? Por que algúns líderes (e seguidores) dos AIM celebraron algunhas conquistas imperiais como se se tratasen dunha “liberación”? Por que algunhas minorías étnicas de países independentes colaboraron coas potencias occidentais, como é o caso dos kurdos de Iraq, que falan de “colonialismo democrático”?

A ditadura do imperialismo e o deceso dos AIM

 Os líderes dos AIM formularon unha falsa equivalencias: igualaron a oposición aos conquistadores imperialistas coa exercida contra os estados autoritarios independentes.

 Ao non distinguiren entre uns e outros, ou mesmo peor, ao uniren ambas as cousas, os AIM néganse a mobilizar, organizar e preparar os seus apoios políticos. Non expresan solidariedade ningunha cos pobos conquistados nin defenden a súa sociedade, os seus medios de vida e os seus recursos.

 Os líderes dos AIM non acaban de entender que as guerras imperiais e de conquista impoñen penas de morte moitas veces máis graves e duras que os gobernantes locais; a súa opresión, explotación e destrución dos pobos conquistados superan de lonxe as ditaduras existentes. Non hai dúbida de que os imperialistas destruíron o avanzado estándar de vida e o cultural-científico de países como Iraq, Libia e Siria. Os talibáns non gobernaron mediante a economía da droga; tampouco destruíron aldeas nin subxugaron a vida cotiá como ocorreu tras a invasión e conquista de Estados Unidos.

 Aínda que os AIM non actúan para impedir intervencións e invasións imperiais, menos aínda o fan para responder unha vez producidas as conquistas.

 Por que? Debido á falsa equivalencia; os pobos e a súa resistencia non actúan segundo o protocolo dos líderes dos AIM, daquela, executores e vítimas son igualmente responsábeis!

 Algúns sectores da esquerda e da intelectualidade progresista occidental foron mesmo máis lonxe -polo menos durante as primeiras invasións imperiais-: apoiaron o que eles soñaron que era un “control democrático” resultante da intervención imperial (ao que cualificaron como “levantamento”)! Obviamente, os imperialistas sabían moito máis, e cooptaron e escolleron os seus cómplices no seu camiño de conquista e destrución. Os líderes dos AIM desentendéronse tanto dos “imperialistas” como das “ditaduras” e abandonaron os colaboradores que daban un verniz de “valores democráticos” á ocupación imperial en curso.

 As razóns para que os AIM se mobilicen e desafíen o imperialismo son moitas e profundas, e van máis aló da solidariedade cos pobos oprimidos.

 Por exemplo, o imperialismo estadounidense está en pleno saqueo e destrución de Turquía, Venezuela e Nicaragua, debilitando e facendo todo o posíbel por derrubar os seus respectivos gobernos. En Brasil, Washington xa promoveron un réxime clientelar e intenta amañar as próximas eleccións encarcerando e descualificando o candidato máis importante, o líder de centroesquerda Lula da Silva.

 O presidente Trump decretou  sancións económicas contra Turquía para profundar a crise económica dese país e facer que Ankara renuncie á súa política independente respecto de Irán e Rusia.

 Os movementos antiimperialistas turcos apoian o réxime de Erdogan en contra de Estados Unidos, aínda que manteñen a súa independencia para se opoñer á política antiautoritaria do presidente. Nada disto dáse entre os AIM occidentais. Similares políticas imperiais están a levarse adiante en Nicaragua. Ao revés que en Turquía, a dereita liberal (e os millonarios ex sandinistas) apoian os manifestantes que loitan na rúa botando cócteles molotov e están apoiados pola elite empresarial e o Pentágono.

 Se o presidente Daniel Ortega -elixido en eleccións libres- é derrocado, a elite substituirá a actual política internacional independente pola dunha típica república bananeira subalterna de Estados Unidos.

 O éxito imperial no derrocamento de ditaduras nacionais ten un efecto dominó, non unha “vaga democratizadora”, como prometen os liberais. En lugar diso, serve para instaurar unha serie de novas semicolonias como o evidencia hoxe Oriente Medio.

 Ademais, a falta de acción por parte dos líderes dos AIM levounos á súa morte política e ao crecemento da ultradereita.

 Os líderes dos AIM apoiaron un supostamente “progresista” presidente Obama e negáronse a mobilizarse contra as sete guerras imperialistas que el iniciou, nas que morreron millóns de persoas e moitas máis foron obrigadas ao exilio.

 A defección dos progresistas e a submisión a Obama deron ás ao xurdimento de pluto-populismo de Trump.

 As guerras imperialistas en ultramar fortaleceron a embestida contra a clase traballadora na casa. Os beneficios empresariais disparáronse, os salarios estancáronse. Demócratas e liberais abrazaron o aparello policial estatal da CIA e o FBI.

 No pasado, os AIM denunciaban o capitalismo extractivista e o saqueo dos recursos naturais tanto fóra como dentro de EEUU. Nestes momentos, só se dá algunha esporádica actividade contra o fracking e os gasodutos.

 As comunidades indíxenas de América latina resístense á minaría e á explotación petrolífera levada adiante por empresas de Estados Unidos, Xapón e Canadá -actividades que contaminan o aire, a auga e a terra cultivábel- sen contar coa solidariedade dos AIM estadounidenses.

 Noutras palabras, a ausencia dos AIM nas loitas solidarias esfarela a noción de solidariedade internacional e a posibilidade dunha fronte unida constituído polos traballadores e os antiimperialistas.

 O que queda dos AIM mantense á marxe, participando en manifestacións tan simbólicas como irrelevantes.

Conclusión

 O ascenso e a decadencia do antiimperialismo occidental é -en parte- unha consecuencia do fracaso dos seus líderes á hora de se opoñeren ás invasións dos países independentes gobernados por réximes autoritarios. Detrás da súa retórica democrática, os líderes dos AIM aceptan a horríbel realidade do chauvinismo imperial. Prefiren non emporcar as mans nun conflito entre réximes imperialistas xurdidos de eleccións e ditaduras nacionalistas de corte imperialista.

 Nestes momentos, a gran maioría da poboación de Iraq, Siria e Libia sabe que a vida era moito mellor cos anteriores gobernos autoritarios que promovían un Estado moderno e nacional, e iso non sucede nas actuais condicións propias da destrutiva e salvaxe ocupación do imperialismo occidental.

 Os esquerdistas occidentais que apoiaron as invasións imperiais coma se fosen “aperturas democráticas” están calados e indiferentes, coma se non fosen responsábeis dos millóns de mortes e os enormes desprazamentos de refuxiados.

 Os humanistas liberais que apoiaron as guerras imperiais coa escusa de que salvaban da tortura e as armas químicas a pobos oprimidos ofrecen rexeitamento caritativo e humillante nas fronteiras de Occidente. Hai moi escasas análises ou reflexións sobre o feito de que as guerras imperiais son moito peor que un estado independente. Os líderes dos AIM non se decataron de que os pobos oprimidos só poden liberarse por se propia decisión e acción, non mediante a invasión de exércitos imperiais, golpes da CIA ou sancións económicas.

 Sexan cales sexan os receos populares dos seus respectivos gobernos, a gran maioría dos turcos, iranianos, venezolanos e sirios está a oporse claramente á intervención do imperialismo occidental e todas as súas andrómenas sobre “valores democráticos”.

 Todos eles foron testemuñas durante dúas décadas da capacidade de destrución e o salvaxismo do imperio occidental e saben perfectamente que a vida é moito mellor cando se vive e se loita contra a ditadura. E ignoran o argumento occidental que sostén que eles son a “única xente moral”  e rexeitan a crenza progresista na equivalencia entre morte e supervivencia.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 6 de setembro de 2018]