O inmobilismo das patronais do metal pontevedrés aboca o sector a unha nova xornada de folga

Coincidindo co paro previsto para este martes as centrais convocan unha manifestación en dúas columnas que rematará no IFEVI en Vigo
Vigo/Pontevedra - 19 Xun 2023

O inmobilismo das organizacións empresariais do metal da provincia de Pontevedra á hora de negociar un convenio colectivo digno aboca o sector a unha nova xornada de folga, tras a que tivo lugar o pasado xoves 15. Coincidindo co paro que terá lugar este martes día 20, as centrais sindicais convocan unha manifestación que rematará diante do IFEVI, onde se celebra o Mindtech (unha feira internacional da industria e das tecnoloxías metalúrxicas) que organiza a patronal Asime.

A xornada reivindicativa iniciarase a primeira hora da mañá diante das empresas, para posteriormente desprazarse até os dous puntos dende os que ás 9:30 horas arrincarán as columnas que confluirán no IFEVI: a empresa Panelfa (avenida de Peinador, 74) e o pavillón Loureiro (camiño do Amaro, 71), nos arredores do recinto feiral. Na manifestación participarán ademais traballadores/as chegados/as tanto de Pontevedra como das comarca do Salnés e do Deza.

A folga segue adiante unha vez rematou sen acordo a xuntanza celebrada hoxe por iniciativa das patronais tras o éxito da primeira xornada de folga celebrada o pasado xoves día 15 e que supuxo a paralización do sector, con especial incidencia no naval. O encontro de hoxe prolongouse dende as 9:00 até as 15:00 horas e pechouse sen acordo pola negativa do empresariado a manter a cláusula de revisión salarial conforme ao IPC real, reducir a xornada anual en máis de oito horas e garantir a subrogación do persoal entre empresas privadas.

O secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández, incide en que estas tres cuestións “son esenciais” á hora de asinar un acordo que permita desbloquear o conflito. Neste senso, lembra que no caso de que a patronal “non reconsidere a súa posición e achegue unhas propostas que permitan dignificar as condicións laborais das persoas traballadoras do sector” desenvolveranse dúas novas xornadas de folga, previstas para este mesmo xoves 22 e para o vindeiro mércores 28.