O Metal da Coruña acorda estender a folga por un convenio digno aos días 13, 20 e 27 de xullo

Os traballadores/as acordárono esta mañá en asembleas no decurso dunha nova xornada de paro

Nacional -

Os traballadores e traballadoras do sector de siderometalurxia da provincia da Coruña secundaron masivamente unha nova xornada de folga que volveu pechar a grande empresa de maquinaria pesada, taller e reparación. Ademais nas distintas comarcas celebráronse asembleas nas que, de forma unánime, se acordou a convocatoria de tres novas xornadas de folga, que ademais da de mañá, serán os vindeiros xoves día 13, 20 e 27 de xullo.

Seguimento na Coruña

Eduardo Caamaño, secretario comarcal da CIG-Industria de Coruña fixo unha valoración moi positiva do seguimento do paro na comarca xa que os piquetes atoparon máis empresas pechadas porque houbo aínda máis traballadores/as que secundaron a folga.  Así, a empresas nas que xa houbera nas dúas xornadas anteriores un paro total, como Celsa Atlantic, Horta Coslada, Metalúrgica Gallega ou Elaborados Metálicos Emesa, hai que engadir outras do polígono de Bergondo, ao onde se desprazou esta mañá o piquete conseguindo que pecharan tamén Equipos Lagos; Inturasa, Mabesoa ou Russula, entre outras.

Con todo, a CIG-Industria da Coruña ten coñecemento e mesmo denunciou diante da Inspección de Traballo cambios de xornada laboral nalgunhas empresas para comezar a actividade antes e que a entrada do persoal non coincida cos piquetes. Caamaño denuncia que mesmo houbo despedimentos noutra empresa e que se está exercendo unha enorme presión sobre os traballadores/as porque “cando convocamos asembleas, despois veñen os empresarios para intentar que a xente non secunde a folga”.

Xunto a isto, Caamaño salientou que grazas á presión da folga “conseguimos que a patronal virara un pouco”. Un inicio de “tímido diálogo” que ao seu entender responde a que “están nerviosos”. Lembrou que o Consello Galego de Relacións Laborais está intentando que se chegue a un acordo aínda que “hai moito impedimento”, porque dos 20 puntos que figuran na plataforma reivindicativa da parte social “non había acordo en ningún” o que obrigou a comezar de cero.

Seguimento en Ferrol

Na comarca de Ferrol a folga tamén foi un éxito. Así o valorou o secretario comarcal da CIG-Industria, Vicente Vidal quen sinalou que, ao igual que nas xornadas anteriores, o paro foi total nas auxiliares do naval e no resto das empresas e concesionarios. Peches para os que non se precisou sequera a presenza do piquete que se trasladou a MEGASA, onde chegaron a xuntarse máis de 200 traballadores/as.

Segundo explicou Vidal hoxe a mobilización centrouse precisamente nesta empresa, MEGASA, porque ten a máis de 300 traballadores da industria auxiliar traballando durante 15 ou 20 días e tratábase de conseguir que nin eles, nin os camións que pretendían acceder ás instalacións entraran. Un obxectivo que se conseguiu sen problema.

O secretario comarcal da CIG-Industria de Ferrol salientou tamén a unanimidade dos traballadores/as na asemblea na que se acordou estender as xornadas de folga ao resto dos xoves que quedan de mes de xullo, porque a patronal segue pechada a negociar cuestións que para o sector son esenciais como a da subrogación, a das mutuas ou a da industria auxiliar.

Vidal subliñou sobre todo a cuestión da industria auxiliar -“da que non queren nin falar”, dixo- pola súa especial relevancia na comarca de Ferrol. Lembrou que nos picos de traballo hai máis traballadores das auxiliares afectados que fóra e asegurou que por iso, “para nós é básico, para que as empresas da comarca e as empresas galegas en particular poidan competir en igualdade de condicións respecto das de fóra. É o único que temos para poder obrigar a Navantia a cumprir as condicións: que figure todo no convenio”.

 Fronte a isto, o secretario comarcal da CIG-Industria de Ferrol asegura que o único que propuxo a patronal foi constituír unha mesa negociadora permanente para os acordos do naval que, considerou que “só serve para que acabemos xuntándonos sete veces sen conseguir despois ningún compromiso. Por iso queremos tratar eses tres puntos, que son para nós inamovíbeis e que figuren en convenio.

Manifestación en Ferrol

Para mañá está convocada unha manifestación en Ferrol. Ás 10:30 horas sairán os traballadores de Navantia, que se dirixirán até a Praza de España, onde se reunirán co resto de traballadores/as para saír conxuntamente pola Estrada de Castela, cruzar despois pola ponte das Pías, baixar pola Gándara e regresar de novo pola estrada de Castela para rematar de novo na Praza de España.

Seguimento en Compostela

O paro tamén foi total en Compostela onde xa nas xornadas anteriores os peches foron moi maioritarios, aínda que houbo algunhas empresas que pecharan despois de que o piquete pasara a informar a xente. De novo, tal e como explicou o secretario da CIG-Industria da comarca de Santiago, Benedicto Blanco, xa amenceron pechadas todas as grandes empresas, como Castrosua, Kia, Noya Móvil ou Arteal e xunto a elas concesionarios e talleres.

O secretario comarcal, Pepe Maio,salientou a enormemente positiva valoración que fixeron os traballadores/as do seguimento que están tendo estas xornadas de folga na asemblea que se celebrou no poligono do Tambre. Un seguimento practicamente total que os animou a apoiar, de forma unánime, a convocatoria das tres novas xornadas de folga para os vindeiros xoves “dicindo que para adiante, que esta loita haina que rematar en xullo”.

Maio tamén considerou positivo que a patronal se aviñera a entrar a tratar algúns temas, como os referidos a ETTs, revisión salarial e algún outro, aínda que considerou que as ofertas que houbo sobre estas cuestións “son totalmente insuficientes”, sobre todo porque “cuestións como a da subrogación ou a das auxiliares de Navantia seguen vetadas e para nós son esenciais”.

Volver