O metal da provincia da Coruña irá á folga o 22 e 27 de xuño e o 4 e 5 de xullo

Hai 25 anos que na provincia non se convoca un paro xeral neste sector

A Coruña -

Representantes de CIG, CCOO e UGT rexistraron este venres no edificio administrativo da Xunta en Monelos, a convocatoria de folga que os días 22 e 27 de xuño e 4 e 5 de xullo se desenvolverá no sector de siderometal da provincia da Coruña. A decisión de ir a paros xerais chegou logo do fracaso estrepitoso da mediación solicitada pola patronal, nunha manobra a través da que, denunciaron,  pretendían dilatar sen fin a negociación do novo convenio colectivo e neutralizar a capacidade de mobilización.

O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi "Tupi" subliñaba o histórico desta convocatoria, xa que hai 25 anos que o metal da provincia da Coruña non desenvolve unha folga sectorial. Neste senso, engadiu que  o paro afectará a todas as empresas rexidas polo convenio de siderometalurxía  e que suman arredor de 18.000 traballadores e traballadoras.

Sobre os motivos que levan á folga, Tupi salientou que xa pasaron máis de dous anos dende o inicio das negociacións, pero estas resultaron infrutuosas pola posición de bloqueo que mantén a patronal, que mesmo veta discutir cuestións que a parte social considera fundamentais: como a reactivación de determinados complementos que xa había no convenio, recuperar a revisión salarial, incluír a subrogación do persoal das contratas, a xestión das mutuas, limitar a utilización das ETTs; ou outros temas como a regulación das gardas localizadas fóra de xornada ou a mellora das licencias retribuídas.

"Logo de dous sen avances e de aceptar incluso someternos á mediación do AGA que propuxo a patronal , as posturas están demasiado distanciadas e non nos queda máis remedio que convocar folga", afirmaba o secretario nacional da CIG-Industria tras o rexistro da convocatoria na delegación da Xunta da Coruña. Un tempo de espera que considerou "máis que abondo" para chegar a un acordo e acadar un convenio digno. "Non agardamos máis, se a patronal pensaba que con meternos no AGA ou estar dilatando a negociación ía paralizar as mobilizacións estaba equivocada".

Para reverter este bloqueo, o responsábel da Federación de Industria da CIG lanzou un chamamento a todos os traballadores e traballadoras a secundar as xornadas dos días 22 e 27 de xuño e o 4 e 5 de xullo e demostrar a disposición do sector a pelexar por mellorar unhas condicións laborais e salariais "conxeladas dende o ano 2014".

Coincidindo coas xornada de paro, as centrais sindicais teñen previsto realizar tamén mobilizacións en distintos puntos da Coruña, Ferrol e Santiago que fican por concretar.

Volver