O metal da Coruña non descarta ir á folga se non se avanza na negociación do convenio provincial

Arredor de 400 delegados/as do sector concentráronse diante da sede da patronal convocados/as polas centrais sindicais

A Coruña -

Ao berro de "Convenio xa para o metal", "Reforma laboral, ditadura patronal" e "Ou hai solución, ou mobilización", arredor de 400 delegados e delegadas das empresas do metal concentrábanse este xoves diante da Confederación de Empresarios/as da Coruña para rexeitar o bloqueo patronal á negociación do convenio provincial de siderometalurxia e demandar melloras salariais e sociais.

As portas da sede da patronal, Pepe Maio, responsábel de negociación colectiva da CIG-Industria na provincia, lanzaba unha mensaxe clara: "ou ben a partir de hoxe hai un cambio de actitude e comezan a materializarse acordos ou do contrario  a vontade do sector é continuar coas mobilizacións, sen descartar  incluso a posibilidade dunha folga no metal".

O sindicalista animou as delegadas e delegados presentes a trasladar esta mensaxe aos seus centros de traballo, "porque os auténticos protagonistas son os traballadores e traballadoras, que deben asumir esta negociación nas súas mans para que o desenlace final sexa un convenio que recolla auténticas melloras salariais e sociais".

A patronal busca recortar as condicións

Neste senso, explicou que as negociacións para o convenio provincial do metal comezaron hai dous anos e medio, pero neste tempo a patronal non aceptou practicamente ningunha das reivindicacións presentadas pola parte social, e mesmo busca eliminar dereitos xa conquistados. Un obxectivo para o que se valen das facilidades introducidas polas contrarreformas laborais, que teñen debilitado a negociación colectiva, favorecendo ademais convenios de empresa e os de ámbito estatal.

"Nas primeiras reunións centrámonos en evitar os recortes que a patronal pretendía introducir na negociación, que non eran poucos: reducións salariais do 15%, redución das indemnizacións do persoal eventual, estabelecer a distribución irregular da xornada, conxelar pluses, eliminar o complemento salarial nas IT, eliminar a revisión salarial, etc.", explica Maio.

Neste momento, as centrais sindicais lograron que a patronal renunciara a moitos dos recortes que tiña previsto, "mais aínda segue intentando a distribución irregular da xornada e eliminar a revisión salarial".

Estabelecer a subrogación, limitar o uso das ETT e incremento salarial

Fronte á ofensiva da patronal, para a CIG-Industria é fundamental que o novo convenio recolla vellas reivindicacións como establecer a subrogación para os traballadores/as de contratas, regular as gardas localizadas fóra de xornada, recuperar a revisión salarial, mellorar as licencias retribuídas, limitar a utilización das ETTs, así como un incremento salarial co que recuperar poder adquisitivo.

Destas cuestións, o representante da Federación de Industria destaca a subrogación para o persoal de contratas (que sofren unha situación de especial precariedade) e o incremento salarial, "por suposto sen tocar a distribución irregular e recuperando a revisión salarial anual".

Continuar na mobilización

Aínda que as negociacións non están rotas, a última reunión tivo lugar o pasado setembro e rematou sen ningún tipo de acordo ou avance importante. "As centrais sindicais e os/as traballadores/as demos mostras abondo de sensatez e paciencia, pero a paciencia tamén ten un límite", advertiu Maio, ao tempo que insistía na necesidade de continuar na mobilización.

Ante esta situación, nas asembleas de traballadores/as realizadas na Coruña, Ferrol e Santiago a primeiros de febreiro para abordar o estado da negociación do convenio, acordouse iniciar mobilizacións no sector co obxectivo de "lograr que a patronal desista da súa actitude mesquiña e conseguir que a negociación remate cun convenio xusto, unhas condicións de traballo decentes e uns salarios dignos. E se non hai avances, continuaremos o calendario de mobilizacións sen descartar a convocatoria dunha folga provincial do metal".

Volver