O metal pontevedrés chega ao terceiro día de folga cunha proposta da patronal para negociar
O metal da provincia de Pontevedra encara mañá xoves día 14 a terceira xornada de folga -a segunda consecutiva tras a celebrada hoxe- cunha proposta enriba da mesa da patronal para retomar as negociacións o venres 15 ás 9:00 horas. Dende as centrais sindicais chaman o persoal do sector a secundar de novo masivamente os paros e lembran que as tres xornadas de folga previstas para os vindeiros días 19, 20 e 21 de maio seguen adiante.
A convocatoria do empresariado chega tras o rotundo éxito das dúas primeiras xornadas de folga, que incluíron importantes mobilizacións en Vigo, Pontevedra, Vilagarcía e Lalín. Con todo, dende a CIG-Industria chama a non “relaxarse” e a continuar coa presión mobilizadora para seguir demostrándolle á patronal a capacidade de loita do sector.
De igual xeito que nos dous paros anteriores, o comercio do metal está chamado tamén á folga este xoves día 14 en demanda dun convenio colectivo digno. Milleiros de persoas traballadoras dos dous sectores percorreron esta mañá os principais polígonos industriais e as rúas das cidades e de varias localidades da provincia nas manifestacións promovidas pola CIG, CCOO e UGT no marco dunha nova xornada de paro.
O comercio do metal leva ano e medio co convenio colectivo caducado e coas negociacións rotas dende o pasado mes de xaneiro, despois de que os sindicatos abandonaran as conversas ante os intentos do empresariado de eliminar a cobertura do 100% dende o primeiro día en caso de baixa por incapacidade temporal.
Ademais, a patronal pretende suspender durante dous anos a aplicación do artigo que impide que as empresas poidan absorber os pluses que superen as condicións salariais fixadas en convenio. A intención desta última proposta é evitar que o persoal con mellores condicións cobre os atrasos e se poida ver beneficiado pola suba de soldos que se pacte. Ao mesmo tempo, a suba económica non contempla cláusula de revisión a IPC.
Negociación “de boa fe”
En canto so sector do metal, a última xuntanza da mesa negociadora constatou a “nula vontade” da patronal pontevedresa por chegar a un acordo, polo que CCOO e UGT decidiron sumarse á folga anunciada inicialmente pola CIG para o pasado xoves 7 de maio, unha xornada que foi secundada de xeito case total polo sector.
A central sindical rexeita o que considera unha duración excesiva do convenio (catro anos) e unha suba salarial insuficiente (14% en total); “xa que no actual contexto de incerteza económica non temos garantía de recuperación do poder adquisitivo ao non asegurarse que os salarios recuperen o perdido coa inflación ao topar ao 2% a actualización a IPC”.
Tamén aposta por unha rebaixa real da xornada de traballo -segue a ser unha das máis altas do Estado- ante a proposta insuficiente e “tramposa” da patronal, “que fala dun día máis de vacacións pero a conta dos axustes da xornada anual”. En canto á xubilación anticipada, non se facilita nin se regula de maneira adecuada, nin con contrato de relevo.
Outra das reivindicacións da parte social ten que ver coa subrogación do persoal para protexer os postos de traballo nos cambios de contrata en determinados sectores; así como o establecemento de límites á subcontratación para rematar coa precariedade, a alta sinistralidade e a fragmentación do sector. Tamén se reclama a regulación da contratación fixa descontinua para evitar un uso abusivo desta modalidade. Así como medidas fronte ás altas temperaturas no verán, especialmente no sector naval, que pasarían pola implantación da xornada continuada durante este período.
Finalmente, a CIG agarda que a patronal tome nota do acontecido estes días e acuda á xuntanza coa intención de negociar “de boa fe”, entrando a debater as principais reclamacións da parte social. Do contrario o conflito intensificarase coa convocatoria de novas xornadas de folga e de mobilizacións “que seguramente serán máis contundentes que as que tiveron lugar até o de agora porque o persoal do sector non está disposto a renunciar aos seus dereitos laborais e a unha mellora das condicións de traballo”.
Mobilizacións deste xoves 14 en Vigo, Pontevedra, Valga e Lalín
-Vigo: o metal sairá dende os estaleiros da Avenida de Beiramar ás 9:30 horas. A continuación percorrerá a rúa Coruña, Praza de América, Camelias, Venezuela, Gran Vía, Urzaiz e Colón até a praza da Estrela, onde se celebrará unha asemblea.
O comercio do metal, pola súa banda, saíra en manifestación dende o número 129 da Avenida de Madrid. Arredor das 10:00 chegará ao monumento do Bicentenario (fronte ao Concello) de Vigo para confluír coa manifestación do metal.
-Pontevedra: saída ás 12:00 horas dende a explanada de Mollabao.
-Valga: saída ás 11:30h da rotonda de Campaña (diante de Urovesa) até a rotonda de Cesures.
-Lalín: saída ás 12:00 horas dende a rotonda do Concello.