O paro incrementouse en Galiza en novembro un 0,68% con respecto ao mes anterior, até as 187175 persoas

A temporalidade volve ser a tónica dominante, con unicamente un 8,3% de contratos indefinidos

Nacional -

O mes de novembro rematou con 187.175 persoas paradas rexistradas nas oficinas do SEPE en Galiza, o que supón un incremento do 0,68% con respecto ao mes anterior (1272 parados/as máis que en outubro); no conxunto do Estado o aumento foi do 0,21%, con fortes diferenzas entres as distintas comunidades. Ademais, a alta temporalidade do emprego foi unha vez máis a tónica dominante, xa que unicamente o 8,3% dos contratos rexistrouse baixo algunha das modalidades de contratación indefinida.

A nivel sectorial, o maior medre do desemprego no noso país produciuse no sector servizos, cunha subida do 0,83% (0,97 na media do Estado); na construción tamén se rexistraron máis parados/as que no mes anterior, concretamente un 0,37% (no conxunto do Estado o número de desempregados/as neste sector reduciuse un 1,21%); mentres que na industrial baixou levemente o desemprego: un 0,14% en Galiza e un 0,97% na media estatal. 

Existe un número inxente de traballadores/as que permanece no mercado laboral nunhas condicións moi precarias

A evolución dos datos é a típica de novembro, xa que é un mes no que sector servizos adoita ter pouca actividade; ademais, as condición climatolóxicas non acostuman axudar noutros sectores como a construción.

Con todo, o máis negativo non é evolución dos datos cuantitativos senón o que se desprende sobre a calidade do emprego, xa que a pesar desta diminución de desempregados/as rexistráronse 80.025 contratos no mesmo mes, dos que tan só o 8,3% se inscribiron baixo algunha modalidade de contratación indefinida. Isto significa que existe un número inxente de traballadores/as que permanecen no mercado de traballo nunhas condicións moi precarias, con contratos de moi escasa duración e moi rotativos.

Tamén é preocupante a situación económica das persoas desempregadas, xa que unicamente o 47,3% percibiu algunha prestación por desemprego no mes de novembro; ou o que é o mesmo, máis da metade dos parados/as non perciben ningún tipo de prestación; e a maior parte dos/as que teñen ingresos perciben o subsidio.Este incremento da contratación vén asemade acompañado dun descenso da afiliación á Seguridade Social, xa que novembro rematou con 989.157 persoas afiliadas (747 menos que no mes de novembro). Polo tanto, temos menos afiliación pero 80.000 contratos novos.

Por un novo modelo de emprego

Desde a Secretaría Confederal de Emprego e Industria da CIG denuncian que a Xunta non ten pensado aplicar ningunha política orientada a rematar con esta situación, como se deprende dos últimos orzamentos públicos que vén de presentar. “Nin o desemprego, nin a pobreza, nin o desenvolvemento económico e industrial merecen unha atención especial no Proxecto de Lei de Orzamentos da Xunta de Galiza para 2018. Unhas contas continuístas tanto no destino dos fondos como nas políticas”, indican dende a central.

Diante disto, o secretario confederal de Emprego e Industria, Fran Cartelle, sostén que “unha vez máis temos que facer unha lectura negativa dos datos do paro, non só porque aumenta o número de persoas desempregadas, sobre todo no sector servizos, que é o que maior peso ten no PIB, senón porque descende a afiliación á Seguridade Social, que é un dato moi negativo”. 

Os datos son moi negativos non só porque medra o paro, senón porque descende a afiliación á Seguridade Social

Ademais, amósase moi crítico co modelo que está a implantar o PP no mercado laboral, porque provoca un aumento da precariedade. Así, sinala que as cifras amosan que dos contratos que se rexistraron en novembro tan só un 8,3% foron feitos baixo algunha das modalidades de contratación indefinida. “Estas políticas están a levar a xente á exclusión social, xa que vemos en novembro só a metade das persoas desempregadas tiveron opción de ingresar algún tipo de prestación; destas, a maioría cobrou o subsidio”.

A temporalidade é outro dos problemas, “xa que nin sequera as campañas mediáticas do PP sobre a contratación masiva nos eventos consumistas como o black friday se ven reflectidas nos datos de emprego deste mes, o que evidencia que foi simplemente unha montaxe publicitaria e que o sistema de emprego continúa a ser nefasto para a clase traballadora deste país”.

Polo tanto, dende a CIG pulan por un cambio no modelo de emprego e por aplicar políticas activas de emprego que sexan reais para que os postos de traballo que se crean sexan de calidade e con dereitos, “co obxectivo de lograr que a clase traballadora teña capacidade adquisitiva e poida tirar do sector industrial, algo fundamental para a recuperación económica”.

Volver