O paro medra en Galiza nove veces máis que no conxunto do Estado

O noso país contabiliza 227.900 desempregados/as, 5200 máis que no período anterior
Compostela - 28 Abr 2016
Segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do primeiro trimestre de 2016 feitos públicos hoxe, o paro subiu en Galiza en 5200 persoas, un 2,31% máis con respecto ao período anterior, malia caer a poboación activa e a poboación ocupada. Trátase dun incremento nove veces superior ao rexistrado no conxunto do Estado, onde o desemprego medrou un 0,25%. Para a CIG, estas cifras constatan a gravidade da situación laboral do noso país, evidencian o fracaso das políticas económicas do PP e contrastan coas mensaxes electoralistas da Xunta e do Goberno español.

Os datos da EPA do primeiro trimestre de 2016 constatan un incremento do número de persoas desempregadas, respecto do trimestre anterior, en 5200 (un 2,31% máis), o que sitúa a taxa de paro no 18,2%, cinco décimas máis. Deste xeito, o número total de galegos/as en situación de desemprego acada os 227.900. Isto supón que a taxa de paro medrou no noso país até nove veces máis que no conxunto do Estado, onde a subida foi do 0,25%.

Para a CIG é especialmente alarmante que se produza este incremento cando, parello a isto, cae o número de persoas activas en 6.200, situándose a taxa de actividade no 53,1%, e cae tamén o número de persoas ocupadas en 11.400, acadando unha taxa de ocupación do 43,5%.

A situación é tanto máis grave se a comparamos co mesmo trimestre do ano 2009, ao comezo da crise. Datos que poñen de relevo o deterioro que sufriu o mercado laboral. A poboación galega de 16 anos ou máis era daquela de 2.387.500 persoas; hoxe é de 2.351.100 persoas (82.100 menos). Había un total de 1.331.100 persoas activas, cando hoxe son 1.249.000, co que se reduciu en exactamente o mesmo número de persoas en idade de traballar (-82.100).

Porén, reduciuse en moita maior medida o número de persoas ocupadas, que en 2009 era de 1.168. 500, cando hoxe son 1.021.100, unha caída de nin máis nin menos que 147.400 persoas ocupadas. E o número de desempregados/as, que daquela era de 162.700 é hoxe de 65.200 máis. A este desolador panorama hai que lle engadir que respecto do último trimestre de 2015, o número de fogares no que todos os seus membros activos están no paro incrementouse en 5100, situándose en 80.200.

Segue a medrar a temporalidade

Onde máis cae a ocupación é no sector Servizos, en 9.200 persoas; na construción cae en 1.900 e en Industria en 1.400. A taxa de paro xuvenil é do 31,4% (diminúe tanto respecto do último trimestre como do mesmo trimestre do ano anterior); a súa taxa de actividade sobre un 0,4%, situándose no 51,8% e a taxa de ocupación sobe un 0,6% situándose no 35,5%. No primeiro trimestre hai en Galiza 797.600 persoas asalariadas, 14.700 menos que no trimestre anterior.

Ademais, o ritmo de crecemento dos contratos temporais foi dúas veces e media superior ao dos contratos indefinidos. Deste xeito, o peso de número de persoas con contrato temporal, respecto do mesmo trimestre do ano pasado, pasou do 23,5% ao 25%. E no caso dos mozos e mozas de entre 16 e 29 anos situouse neste primeiro trimestre no 59,8%.

Para a CIG, estes constatan a gravidade do ponorama laboral do noso país, evidencian o fracaso das políticas económicas do PP e contrastan coas mensaxes electoralistas da Xunta de Galiza e do Goberno español. Precisamente, a central aproveitará a conmemoración deste 1º de Maio, Día do Internacionalismo Proletario, para reclamar anulación das sucesivas refomas laborais que nos levaron a esta situación.

Datos dos grandes concellos

Poboación de 16 e máis anos dos sete grandes concellos galegos por sexo e relación coa actividade económica. Ano 2016/I

 

Total

Activos

Poboación ocupada

Poboación parada

Poboación inactiva

A Coruña

214,6

117,1

98,6

18,5

97,6

Lugo

93,0

59,0

47,8

11,2

34,0

Ourense

94,1

49,8

40,6

9,2

44,2

Pontevedra

71,8

42,9

35,4

7,6

28,9

Santiago de Compostela

86,7

53,5

46,0

7,5

33,2

Vigo

253,2

139,5

111,7

27,8

113,7

Ferrol

57,0

25,7

18,6

7,1

31,2

Taxas de actividade, ocupación e paro para a poboación de 16 e máis anos dos sete grandes concellos de Galiza. Ano 2016/I

 

Taxa actividade

Taxa ocupación

Taxa paro

A Coruña

54,5

45,9

15,8

Lugo

63,5

51,4

19,0

Ourense

53,0

43,2

18,5

Pontevedra

59,8

49,3

17,6

Santiago de Compostela

61,7

53,1

14,0

Vigo

55,1

44,1

19,9

Ferrol

45,2

32,7

27,6