O persoal civil de Defensa sae do novo ás rúas de Ferrol e Marín para reclamar salarios dignos

A CIG reivindicará nas mesa de negociación fixadas para este mes un incremento do complemento específico igual ao ofrecido ao persoal militar e a súa consolidación
Ferrol/Marín - 17 Xun 2026

Ferrol e Marín volveron acoller este mércores mobilizacións do persoal civil Defensa para exixir salarios dignos e o remate da discriminación entre o persoal do mesmo ministerio. En Ferrol, as traballadoras e traballadores públicos fixeron unha manifestación que partiu da porta do parque do Arsenal Militar e rematou na porta de Navantia -para trasladar a solidariedade cos compañeiros e compañeiras do metal en folga-, mentres que en Marín se desenvolveu unha concentración diante da Escola Naval Militar.

O obxectivo destas mobilizacións, salienta a representación da CIG, “é visibilizar na rúa un colectivo de persoal público maioritariamente mobilizado e concienciado en mellorar as súas condicións económicas”, coa atención posta na convocatoria de diferentes reunións das mesas de negociación previstas para as próximas semanas.

“A CIG exercerá de altofalante deste persoal mobilizado levando as reivindicacións do colectivo á reunión da Mesa Xeral de Negociación da Administración Xeral do Estado convocada para o 18 de xuño”. Nesta xuntanza, a central defenderá a proposta presentada a finais de marzo “que procura unha solución de xustiza para este conflito laboral xerado por motivos de discriminación salarial entre persoal empregado dun mesmo Ministerio”.

A este respecto, a CIG reivindica para o persoal civil o mesmo aumento retributivo lineal que se lle ofreceu ao persoal militar tras dun aumento orzamentario do Ministerio “sen precedentes”. Isto significaría un incremento do complemento específico ou singular de Defensa de 2.800€ brutos anuais (coa suba do 4% correspondente aos anos 2025 e 2026 aprobada para o conxunto do persoal público), consolidados mediante unha modificación das Relacións de Postos de Traballo.

A CIG-Administración Pública fai un chamamento ao resto de organizacións sindicais presentes na Mesa de Negociación a apoiar esta proposta, “pois é a única solución de verdadeira xustiza ao conflito, porque determina unha igualdade de trato entre o persoal público”.

Ademais, para o 25 de xuño tamén está convocada unha reunión da Mesa Xeral de Negociación Delegada de Defensa na que a CIG “continuará a defender un plan do complemento salarial de produtividade para o conxunto do persoal civil, independentemente do seu réxime xurídico, co obxectivo de non crear novos agravios comparativos entre o propio colectivo, así como co resto de persoal público da Administración Xeral do Estado, que maioritariamente xa o ten aprobado noutros Ministerios”.