Persoal da Autoridade Portuaria de Vigo mobilízase en apoio dos catro membros do comité denunciados

Hoxe tivo lugar a primeira das protestas, que continuarán todos os luns deste mes e o venres 26
Vigo - 12 Nov 2018

Máis de 30 traballadores/es da Autoridade Portuaria de Vigo (APV) participaron na primeira das mobilizacións convocadas polo comité de empresa en solidariedade cos catro compañeiros/as denunciados polo presidente do organismo, Enrique López Veiga, que lles reclama 25.000 euros por supostas inxurias e calumnias.

Na concentración que se celebrou diante da sede da APV, na Praza da Estrela, de 9:00 a 10:00 horas participou un nutrido grupo de traballadores/as de diferentes departamentos (técnicos/as, policías e persoal de mantemento) a pesar de que a convocatoria coincidiu coa escala dun cruceiro e con varios servizos, o que impediu que parte do persoal non puidese asistir no horario programado.

Con todo, dende o comité de empresa valoran moi positivamente a resposta dos empregados/as e salientan o feito de que se estea a amosar “a unidade que se precisa nestes momentos”. Ao mesmo tempo, adiantan que as protestas continuarán no mesmo horario os seguintes luns deste mes, mentres que para o venres 30, coincidindo co consello de administración. hai convocada unha mobilización dende a sede da APV até o edificio de sesións.

Segundo explican dende a representación dos traballadores/as, o motivo das convocatorias e que López Veiga “levou o ámbito persoal un comunicado interno do comité e reclámalles 25.000 euros por danos morais a catro dos seus integrantes, querendo desta forma cohibir as actuacións dun órgano colexiado que de ningunha maneira vai deixar de informar os traballadores/as do que acontece neste organismo público, nin tampouco vai deixar de defender os intereses do cadro de persoal e o emprego público de calidade”.

Neste senso, critican que para o presidente da APV sexa inxurioso que se fale de despilfarro de diñeiro público ou das súas formas pouco éticas, “cando xa este ano un maxistrado do Xulgado do Social de Vigo lle indicaba nunha sentenza que é un cargo público de designación política, polo que ten que estar máis exposto á crítica pola súa xestión, e que non pode sacar palabras ou frases do contexto, obviando o fin último do comunicado”.

Decisión dun órgano colexiado

O presidente do comité de empresa, da APV, Diego González, da CIG, considera que o ataque persoal a estes catro compañeiros é moi grave e entende que con esta denuncia López Veiga “traspasou unha liña que baixo ningún concepto pode ser traspasada”, polo que estudará todas as vías posíbeis para reclamar o cese do mandatario.

Ao mesmo tempo, indica que se o máximo responsábel da APV segue adiante coa demanda “vaina ter que interpoñer tamén contra o comité de empresa e non contra catro traballadores, pois o comunicado interno foi aprobado no seo dun órgano colexiado”. Ademais, considera que ao levar o asunto a nivel persoal, López Veiga non fai máis que darlle a razón ao comité “en canto ás súas formas pouco éticas”. Finalmente, quere deixar claro que podería dar varios exemplos do despilfarro de cartos que na súa opinión se está a producir nos últimos tempos na Autoridade Portuaria de Vigo.