O persoal da Inspección paraliza as campañas programadas polos incumprimentos do Goberno

Nacional - 13 Xun 2023

A representación sindical na Inspección de Traballo e Seguridade Social vén de anunciar a paralización das campañas recollidas no Plan Estratéxico debido ao reiterado incumprimento por parte do Goberno español no reforzo da estrutura do organismo a través da aprobación dunha nova relación de postos de traballo.

En concreto, advirten que se paraliza a actividade programada, entre outras, das campañas de control de plans de igualdade, tempo de traballo, rexistro da xornada, condicións salariais, exoneracións polos ERTE covid, control da economía irregular e traballo de persoas estranxeiras na agricultura e control dos riscos asociacións á actividade agraria.

Lembran que o 16 de novembro de 2021 o Consello de Ministros e Ministras aprobou o Plan Estratéxico da Inspección de Traballo e Seguridade Social para o período 2021 a 2023, que fixa un total de 40 obxectivos, agrupados en catro eixos, cun importante número de medidas de actuación concretas, incrementando as actuacións da Inspección de Traballo e potenciando todas as materias competencia do organismo (laboral, emprego, estranxeiría, seguridade social e seguridade e saúde).

No propio documento xa se advirte que as actuacións non serían realmente eficaces se non se avanzaba con firmeza no fortalecemento e a modernización da Inspección de Traballo e Seguridade Social, adoptando medidas organizativas e creando unha estrutura que permita a súa implementación, coa aprobación dunha nova relación de postos de traballo.

"Cómpre reforzar a eficacia, as capacidades e a organización do organismo para poder afrontar os retos da ITSS, algúns con carácter estrutural, como o impacto da tecnoloxía e a dixitalización no mundo do traballo, ou a procura dunha igualdade efectiva entre homes e mulleres no mercado laboral. Retos que, subliñan, reclaman unha alta capacidade de resposta e adaptación por parte da Inspección de Traballo e Seguridade Social".

Pero un ano e medio despois de que se aprobara dito plan, malia o substancial incremento da actividade do organismo, o Ministerio de Traballo e o Ministerio de Facenda seguen sen dar cumprimento do recollido no documento e a ITSS carece dos medios humanos, técnicos e organizativos precisos para "executar con eficiencia e eficacia o traballo programado" quedando ao borde do colapso.

Porque ademais de incrementar a actuación inspectora, o Plan Estratéxico reforzaba a estrutura da ITSS, coa previsión de novas Unidades Provinciais e os seus correspondentes a nivel central, como por exemplo a Oficina estatal de loita contra a discriminación, a Unidade especial de coordinación sobre a loita contra a fraude no traballo transnacional, a creación dunha estrutura informática, e a creación de novos postos de traballo (postos TIC para a ITSS e mandos intermedios nos distintos niveis etc.).

Cuestións todas estas que non o Goberno non está cumprindo, malia as mobilizacións e as folgas que o persoal da Inspección estivo realizando nos últimos meses.