O persoal da planta de Leche Celta en Meira irá á folga en demanda de melloras salariais e sociais

O comité ten convocados paros de catro horas o 12, 19 e 20 de marzo

Lugo -

O persoal da planta de Leche Celta en Meira comezará un calendario de folgas a partir do vindeiro luns, 12 de marzo, para esixir melloras económicas e sociais. A decisión de iniciar medidas de presións tomouse tras evidenciarse que as negociacións coa empresa "non supuñan a eliminación das importantes diferenzas que existen nas condicións" entre as plantas de Leche Celta.

A empresa, explica o secretario comarcal da FGAMT-CIG, Christian López, leva meses tentando alongar a concreción de propostas que poidan facer viábel un acordo na factoría de Meira. Deste xeito, logo das reunións do 17 de xaneiro, 27 de febreiro e 7 de marzo, esta última xa coa folga convocada, o comité (con maioría da CIG) entende que a dirección "non  ten vontade de eliminar as diferenzas económicas e sociais menos vantaxosas neste centro de traballo".

Así, apunta López, dependendo das categorías máis comúns, formula manter salarios inferiores á factoría de Pontedeume de entre o 6% e o 12% do salario total anual de cada traballador/a, "algo polo que o persoal de Meira non asinará un falso acordo de melloras".

A convocatoria de folga, realízase de xeito gradual, comezando o luns 12 de marzo e na seguinte semana será os días  19 e 20 de marzo. Inicialmente realizaranse paros de 4 horas, en horario de 12.00 horas a 16.00 horas, "e a partires da segunda semana de folga incrementarase a presión".

Os salarios si suben para a alta dirección

O responsábel comarcal da FGAMT subliña que a negativa da empresa a mellorar as condicións económicas dos seus traballadores e traballadoras contrasta cos recoñecementos acadados por Leche Celta pola calidade no seu traballo para Mercadona, ao tempo que, "no último ano, se elevaron os custes do persoal de alta dirección en Meira nun 9%".  Unha situación que cualifica de "insólita e insolidaria".

Así mesmo, destaca que na planta de Meira existe unha alta rotación do persoal "debido á falta de expectativas que existen a nivel laboral polas condicións salariais principalmente. Con esta loita iníciase o camiño para tratar de reverter esta situación".

Neste senso, hai que lembrar que Leche Celta ten outra en factoría en Pontedeume na que o seu persoal acadou un convenio propio (tras seis xornadas de folga cun seguimento do 100%), que recolle substanciais melloras económicas e sociais sobre o convenio estatal de industrias lácteas (que até entón lle era de aplicación).   

Volver