O persoal da sanidade privada irá a unha xornada de folga parcial, o 24 de xaneiro, por un convenio digno

O paro será desde das 10:00 ás 12:00 horas e está convocado todo o persoal da provincia da Coruña
Nacional - 22 Xan 2024

CIG, CCOO e UGT anuncian a convocatoria dunha xornada de folga parcial na sanidade privada da provincia da Coruña o vindeiro mércores día 24 de xaneiro, de 10:00 a 12:00 horas. Están ademais convocadas concentracións, coincidindo coa folga, as 11:00 horas nos principais hospitais de cada cidade, nomeadamente no Quirón, da Coruña, na Rosaleda, en Compostela.

Segundo explica Miguel tizón, a patronal convocou á mesa de negociación para o día 2 de febreiro e por iso decidiron aprazar as protestas que estaban previstas tanto na consellería de Sanidade, como na Confederación de Empresarios, xa que “eran a resposta á suspensión da mesa negociadora por parte da patronal”.

Manteñen, porén, a convocatoria de folga porque “a día de hoxe só temos unha data de reunión coa patronal, non temos ningún compromiso de que veñan a negociar, non se nos facilitou ningunha documentación, nin houbo ningún cambio no proposto nas reunións pasadas”.

Entende que o feito de que a patronal sente a negociar é en resposta ao éxito das pasadas xornadas de folga e manifestacións. Por iso entenden que é tan importante a folga do día 24, porque “temos que demostrar que só impos aceptar unha negociación real do noso convenio”.

Negociación real

As organizacións convocantes explican que con “negociación real” se refiren a que estean dispostos a negociar, cando menos o pago de domingos; a redución da xornada anual; a actualización das táboas salariais de acordo á realidade da vida e a retirada inmediata do recorte nos trienios e do cobro do 100% no caso de IT. Cuestión, estra última, que consideran indispensable.