O persoal da sanidade privada pontevedresa bótase á rúa para reclamar un convenio digno

O hospital Fátima de Vigo acolleu unha concentración coincidindo coa primeira xornada de folga
Vigo/Pontevedra - 07 Mar 2018

Os traballadores/as das clínicas privadas sen convenio propio da provincia de Pontevedra botáronse hoxe á rúa para reclamar un convenio colectivo digno ante unha oferta patronal que consideran “unha burla” xa que se atopa moi lonxe das súas reinvindicacións. Un bo número de empregados/as desenvolveron unha concentración diante do hospital vigués Fátima coincidindo coa primeira das cinco xornadas de folga convocadas no sector.

O paro promovido pola CIG, CCOO e UGT tivo un elevado seguimento, como evidenciou a presenza dun importante número de traballadores/as nunha mobilización que terá continuidade pola tarde diante do sanatorio pontevedrés Santa María. Dende os sindicatos convocantes explican que é moi difícil de cuantificar o impacto real da folga tendo en conta que a patronal negouse en todo momento a facilitar datos dos número de empregados/as do sector. 

O paro tivo un importante seguimento, tal e como evidenciou a numerosa presenza de traballadores/as na mobilización diante de Fátima

Con todo, poñen como exemplo o que sucedeu no hospital Vhitas Fátima, un dos máis importantes do sector, onde o paro impediu o funcionamento normal do centro, con falta de actividade nos quirófanos e nas consultas externas. De feito, moitos/as dos seus empregados/as sumáronse á concentración que se celebrou de 11:00 a 11:30 horas ás portas do edificio.

Segundo anunciaron dende as centrais, o vindeiro luns terá lugar unha asemblea de traballadores/as para analizar o impacto da folga e decidir novas mobilizacións a desenvolver coincidindo cos próximos paros convocados os días 14, 21, 26 e 27 de marzo.