O persoal da sanidade privada secunda a cuarta xornada de folga por un convenio digno

Nacional - 07 Feb 2024

As traballadoras e traballadores da sanidade privada da provincia da Coruña están secundando este xoves de xeito masivo a cuarta xornada de folga para reclamar un convenio digno. Para dar máis visibilidade á súa loita, o persoal mobilizouse pola mañá en Compostela e realizou unha manifestación pola tarde na cidade da Coruña.

A CIG-Saúde explica que as negociacións se atopan moi distanciadas, principalmente nas materias relativas á xornada, ás táboas salariais e aos complementos. Sinalan que aínda que moitas das categorías do convenio xa quedaron por debaixo do SMI, as propostas presentadas pola patronal non acadan nin aos mil euros. "Na última reunión, o pasado 2 de febreiro, trasladaron unha táboa salarial na  que hai categorías que nin no ano 2025 chegarían aos .1000 euros".

Tampouco queren rebaixar a xornada anual (unha das máis elevadas) para achegala á media do sector no Estado (que está nas 1710 horas mentres que a patronal propón 1776 horas), nin asumir pagar polo traballo en domingos, que nestes momentos o persoal cobra como un día laboral calquera.

Por se non fora abondo, a patronal insiste no recorte de dereitos xa recoñecidos no convenio, como a contía que se cobra actualmente polos trienios e o pago do 100% das retribucións en caso de IT. "Queren que nos tres primeiros días da baixa cobremos a metade do salario e para a antigüidade propoñen un prezo fixo que suporía manter os trienios conxelados ao longo dos próximos anos". Unha sorte similar, critica a CIG-Saúde, seguen o resto de complementos como o de toxicidade.

Diante destas propostas que cualifica de "vergoñentas", a CIG insta a todas as traballadoras e traballadores a continuar mobilizándose até lograr unhas condicións laborais e salariais dignas para o sector.

O convenio provincial atinxe aos establecementos sanitarios de hospitalización, asistencia, consulta e laboratorios de análises clínicas. As empresas que forman parte da asociación patronal lexitimada para negociar son as actuais donas dos hospitais privados (Quirón, Juan Cardona, A Rosaleda, San Rafael etc.) e as que teñen un acordo coa Consellería de Sanidade polo que prestan un servizo á sanidade pública.

Por iso apuntan que “a precaria situación do persoal inflúe na prestación sanitaria que se da nestes centros”, e por este motivo tamén teñen solicitado a intervención da Consellaría co obxectivo de romper o bloqueo na negociación do convenio colectivo.