O persoal das auxiliares marcha a pé até a Ponte das Pías para esixir a inclusión dos acordos no convenio do metal

Este xoves secundan paros laborais de dúas horas por quenda de traballo
Ferrol - 25 Out 2018

Miles de traballadores e traballadoras da industria auxiliar do naval marchaban a pé este xoves dende os estaleiros de Fene e Ferrol para esixir á patronal provincial que asuma a incorporación dos acordos no texto do convenio do metal. O persoal saía por volta das 10:30 da mañá das instalacións de ambas beiras da ría para atoparse na Ponte das Pías, onde realizaron unha asemblea na que se chamou a intensificar a loita.

Esta marcha enmárcase no calendario de mobilizacións que precede a reunión que o vindeiro 6 de novembro terá lugar en Compostela entre a representación social, a patronal provincial e as empresas, tras o bloqueo das agrupacións provinciais na última reunión no Consello Galego de Relacións Laborais. Nese encontro, a pesar de terse pechado un documento na Mesa do Naval de Ferrol que daba resposta aos requirimentos da patronal provincial, esta insistiu en alongar innecesariamente o conflito, impondo unhas condicións para a incorporación ao convenio do metal que a CIG-Industria cualifica de "inasumíbeis".

Declaración no Pleno do Concello

En resposta  a este bloqueo, nas asembleas de traballadores/as aprobouse levar adiante un intenso calendario de mobilizacións que comezou esta semana con protestas naquelas empresas auxiliares que non están cumprindo cos acordos ou que son reticentes a ratificar o documento saído da Mesa do Naval. "Queremos saber quen está pola labor de aplicar os acordos e quen non", apuntaba o secretario comarca da CIG-Industria, Vicente Vidal, minutos antes de arrincar a marcha dende o estaleiro de Ferrol.

Na xornada de hoxe tamén están convocados paros laborais de dúas horas por quenda de traballo, que están sendo secundados masivamente polo persoal. Coincidindo coa folga da tarde, as centrais sindicais chaman os operarios e operarias a asistir ao Pleno do Concello de Ferrol, onde se solicitará o apoio a unha declaración institucional a prol da inclusión dos acordos salariais das auxiliares no convenio provincial.

Manifestación o día 31 na Coruña

Para o vindeiro mércores, día 31, operarios/as das auxiliares e de Navantia trasladaranse até a Coruña para desenvolver unha manifestación que sairá da explanada do edificio de sindicatos, percorrerá a Avenida de Alfonso Molina e rematará diante da sede da Confederación de Empresarios/as da Coruña. Dende a CIG-Industria lanzouse un chamamento á participación masiva nestas mobilizacións, dada a transcendencia social que ten para a comarca regular as condicións laborais e salariais deste colectivo formado por miles de traballadores/as e a dependencia económica de Ferrolterra do sector naval.

Xunto a isto, as organizacións sindicais teñen solicitada unha reunión co conselleiro de Economía, emprego e industria, para instar o Goberno galego a que realice as xestións precisas para acadar unha solución favorábel ao conflito.

Responsabilidade de Navantia

O obxectivo deste calendario de protestas tamén é presionar as empresas do sector para que á súa vez exerzan presión diante da patronal provincial para que acepte incorporar os acordos no convenio colectivo. "Nestes momentos, apuntan Vidal, é prioritario darlle carácter de legalidade aos acordos dentro do marco do convenio do metal, e así o entenden os traballadores/as, porque só así lograremos que teñan eficacia normativa e que sexan de obrigado cumprimento".

Neste senso, apuntou á responsabilidade de Navantia nesta situación, que aproveita a falta de regulación para abaratar os custes de produción a conta de rebaixar dereitos e salarios do persoal das auxiliares.  "A competencia entre as empresas auxiliares ten que pasar por ofertar tecnoloxía, capacitación, homologación, etc., pero non por recortar o salario dos traballadores e as traballadoras", aseverou Vidal.

Condicións inasumíbeis da patronal provincial

Sobre a postura da patronal provincial, a CIG-Industria de Ferrol reitera que "as súas esixencias son inasumíbeis dende o momento no que pretenden que os acordos caduquen en novembro de 2019, o que suporía que a súa vixencia remata mesmo antes de que os traballadores/as poidan cobrar o 100% do plus; e porque, ademais, pretenden que as empresas locais se constitúan en patronal e negociemos un convenio de auxiliares, algo ao como CIG nos opomos radicalmente".

Neste senso, lembran que o ámbito de negociación das condicións laborais e salariais do persoal das auxiliares de Navantia é o convenio provincial. "Son traballadores e traballadoras do metal e o seu marco regulador é o convenio da provincia da Coruña, un ámbito no que somos máis fortes á hora de negociar melloras nas nosas condicións", salientan.

Folga a partir do día 7

Resolver o conflito na industria auxiliar do naval de Ferrolterra está nas mans da patronal provincial. Pero se o vindeiro día 6 non hai avances neste punto, as centrais sindicais xa advertiron que a partir do día seguinte, mércores 7, iniciarase folga no sector. Hoxe o persoal deu unha mostra de que está disposto a seguir na loita até lograr que se recoñezan os seus dereitos.

O Pleno de Ferrol apoia as reivindicacións do colectivo

O Pleno do Concello de Ferrol aprobaba este xoves (coa abstención da concelleira de Cs) unha declaración a prol da inclusión dos acordos das industrias auxiliares non convenio do metal. A diferenza do que aconteceu hai un ano, cando en plena folga no sector non se permitiu a intervención do colectivo para expor as súas demandas, nesta ocasión si se puido escoitar a voz dos traballadores/as das auxiliares no pleno municipal.

O secretario comarcal da CIG-Industria, Vicente Vidal, foi o encargado de darlle lectura á iniciativa na que se pide á Corporación local que inste a patronal provincial a aceptar, dunha vez, a inclusión dos acordos de 2001 no convenio do metal da Coruña.