O persoal das escolas deportivas da Coruña reclama cobrar os salarios e un prego digno na cuarta xornada de folga

A Coruña - 13 Xan 2026

Ao berro de "melloras laborais, salarios dignos" ou "queremos cobrar e ter un prego digno", as traballadoras e os traballadores das escolas deportivas municipais da Coruña concentráronse este mediodía diante das instalacións de Riazor coincidindo coa cuarta xornada de folga convocada en defensa dos seus dereitos e por un servizo público de calidade.

A protesta volveu contar coa participación de numerosas persoas usuarias, que un día tras outro arroupan solidariamente ao persoal en loita. Un apoio que as traballadoras e traballadores agradecen enormemente.

Logo de resolverse os problemas derivados da insolvencia da empresa adxudicataria do servizo co paso á empresa municipal Emva e de encamiñarse unha solución ao pago dos atrasos, o persoal reclamoulle responsabilidade a anterior concesionaria, Serviplus, e que de inmediato abone os salarios pendentes para non ter que verse na obriga de recorrer a un proceso xudicial e a presentar demandas individuais.

Na conclusión do calendario de folgas acordado, lembráronlle tamén ao Concello que o conflito ten a súa orixe na demanda de melloras salariais e laborais que deberían incluír os novos pregos, cuestión que segue sen resposta e que agardan resolver de maneira positiva ao longo da vindeira semana.