O persoal das residencias públicas reclama na Xunta mellores condicións laborais e medios materiais e humanos

Denuncian a problemática derivada de mesturar anciáns e persoas con doenzas psiquiátricas ou alcoholismo
- 28 Xun 2023

Traballadoras e traballadores dos centros de atención directa dependentes da consellaría de Política Social manifestáronse esta mañá, diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, para reclamar formación, mellores condicións laborais, medios materiais e humanos. Entenden que só así de pode afrontar a problemática derivada do ingreso, xunto a persoas anciáns, de usuarias e usuarios con outras patoloxías, como doenzas psiquiátricas ou alcoholismo.

Segundo explicou o presidente do comité intercentros e representante da CIG, Manuel Gallardo Canitrot, o pasado día 15 de maio a representación do persoal mantivo unha xuntanza co Director Xeral de Función Pública e coa Secretaria Xeral de Política Social para tratar da problemática existente nos centros de atención continuada da consellaría. “A súa promesa foi que en 15-20 días nos convocaría. Estamos a día 28 de xuño e non temos visos de que nos convoquen”, denunciou.

Por iso iniciaron mobilizacións, primeiro con caravanas de coches na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, o pasado día 20 de xuño,e hoxe cunha concentración diante da Xunta de Galiza, para levar ás portas da propia consellaría as súas demandas e exixir solucións.

Nova tipoloxía de persoas usuarias

Gallardo Canitrot lembrou que a tipoloxía dos usuarios e usuarias nos centros de atención directa, sobre todo nas residencias de maiores, ten mudado e “agora estanse a ingresar doentes con tipoloxías psiquiátricas ou problemas de alcoholismo”, entre outros, e que iso está a provocar “unha grande problemática de convivencia”.

Apuntou que se están xuntando persoas de 45-55 anos  con persoas de 85-90 anos. “Esa convivencia, no mesmo espazo, sen ter ningún tipo de separación, nin ningún tipo de acomodación xera problemas importantes. Os centros non están adaptados e o persoal non está formado para atender a ese tipo de usuarios/as”.

Diante desta situación, o persoal reclama, ante todo, formación, mais tamén que se adapten os centros, porque “se conviven teñen que estar en áreas separadas, onde cada quen teña  a súa atención especializada” afirmou, porque “non podemos mesturar a unhas persoas con outras porque iso é deturpar a atención que se lle ofrece”.

A este respecto asegurou que, de se manter así, “o persoal síntese incapaz ao non poder realizar o traballo coa calidade necesaria” e matizou que “este novo tipo de usuarios teñen que ter, evidentemente, os seus coidados, que estar nun centro e que ter garantida unha atención máis profesional e mellor”. Por iso lamentou que “é precisamente iso o que non lles podemos dar se están mesturados con persoas anciáns porque unha persoa de 45 anos ten unhas necesidades vitais moi diferentes a unha persoa de 90 anos”.

Problemas laborais

A maiores diso apuntou os numerosos problemas laborais que arrastra o persoal desde o ano 2012, cando se suprimiu a compensación por traballar en domingos e festivos e máis de 500 prazas nos centros de atención directa de política social. “A data de hoxe recuperáronse apenas 300, polo que temos aínda un déficit importantísimo de persoal que non se está a corrixir”.

Neste sentido lembrou a promesa de dotalos de máis persoal, que non se cumpriu, mais tamén advertiu das graves dificultades que hai para cubrir as substitucións porque “se fixo tan pouco atractivo traballar para a Xunta de Galiza que hai importantes problemas para substituír a persoal sanitario como pode ser ATS ou TCAEs e mesmo en algúns centros persoal de limpeza, como camareira limpadora”.

Atribuíu esta situación a que non se lle oferta ao persoal ningún atractivo “nin salarial, nin laboral” e denunciou que, a consecuencia disto, “está habendo problemas mesmo para que a xente poida coller vacacións e estanse denegando”. Por iso clamou contra a Xunta de Galiza porque “non pon ningún tipo de solución” e porque “se non se resolven as condicións laborais que temos, só se poden poñer parches, pero nin iso fan”.

A este respecto asegurou que “estamos afeitos a que o Director Xeral de Función Pública falte a súa palabra e que todo o que diga se quede en papel mollado”. Lembrou que foi el, na reunión, “quen afirmou taxativamente que quería chegar a un acordo sobre condicións de traballo e dotación de persoal antes do 31 de xullo, pois ben, a que espera, a esta altura non temos ningún tipo de noticia del e a xente está cansa”.

Gallardo Canitrot concluíu denunciando que “á conselleira se lle enche a boca dicindo que quere unha atención do século XXI cando non pon ningún tipo de medios cando estamos traballando con medios humanos e materiais do século XX e así é imposible dar unha atención de calidade e que as empregadas e empregados públicos teñamos unha mínima atención de calidade.