O persoal de Albada adía o inicio da folga tras o compromiso do Concello de abrir unha mesa de negociación sobre os pregos

Se non se formulan propostas satisfactorias, a folga activarase na noite do 30 de abril
A Coruña - 17 Abr 2019

Os traballadores e traballadoras de Albada acordaron adiar até o 30 de abril o inicio da folga indefinida convocada para ás 22:00 horas deste domingo 21 de abril, tras lograr un compromiso co Concello da Coruña para abrir unha mesa de negociación na que abordar o futuro prego de condicións. Ademais da folga, tamén se adiaron outro tipo de accións como o piquete informativo deste domingo na planta de Nostián ou as mobilizacións previstas para a próxima semana.

O acordo co Concello acadouse nunha reunión celebrada esta mañá a instancias do Goberno municipal e na que o principal tema a tratar foi a elaboración dos pregos de condicións, que deberán recoller compromisos de garantía de emprego e a recuperación dos dereitos laborais e socioeconómicos roubados ao persoal nos últimos anos.

De cara a facilitar as negociacións, decidiuse adiar o inicio da folga até o martes 30 de abril, data máxima outorgada pola representación social ao Concello da Coruña para formulación unha solución. De non existir tal solución, o día 30 activarase a folga e retomaranse as mobilizacións.