O persoal de Albada comeza o calendario de mobilizacións contra o plan de axustes da empresa

Reclaman o rescate inmediato da concesión para garantir empregos, condicións e a viabilidade da planta
A Coruña - 22 Nov 2019

As traballadoras e os traballadores de Albada iniciaron esta mañá o calendario de mobilizacións contra o triple paquete de axustes que pretende aplicar a empresa a partir de xaneiro próximo. O persoal mobilizouse na Praza de María Pita, onde reclamaron do Concello da Coruña que se poña á fronte da defensa dos empregos e do futuro das instalacións de Nostián e proceda ao inmediato rescate da planta para impedir que Urbaser execute o seu plan de recortes.

O comité reivindicou do Concello unha rápida resposta ante este ataque da empresa, que pon en perigo a viabilidade futura das instalacións ao impedir de maneira unilateral a entrada dos camións do lixo do Consorcio dende o 1 de xaneiro de 2020, o que suporía unha caída do 37% da actividade.

Esta baixada da carga de traballo (provocada pola propia empresa) é a escusa utilizada por Albada para xustificar a aplicación dun ERTE para 39 persoas, a modificación substancial das condicións laborais a outras 35 e a non renovación do contrato de arredor de traballadores/as eventuais. Ademais, esta medida afecta tamén á continuidade dos empregos doutros vinte operarios/as das compañías auxiliares.

Convenio colectivo e licitación do novo contrato

Pero este paquete de medidas non se pode desligar da negociación do convenio colectivo nin do proceso de licitación do novo contrato, pois Urbaser leva máis de ano e medio bloqueando as negociacións. Primeiro pretendendo unha rebaixa brutal das condicións e dereitos e, unha vez aclarada a data de remate da concesión da planta e tras decretar o Goberno municipal a prórroga forzosa, negándose a avanzar nun acordo até dar por decaída a ultravixencia do actual convenio de empresa. Deste xeito, a dirección xa anunciou que a partir do 31 de decembro, o marco regulador de aplicación será o convenio estatal, de condicións inferiores.

Diante deste atentando empresarial, o comité reclamoulle ao Goberno da Coruña que atenda de inmediato a solicitude de xuntanza e que explique que mecanismos ten previstos para que Albada non poida levar adiante "esta nova chantaxe". Neste senso, Hadrián Canosa, delegado da CIG, reivindicaba do Concello un paso á fronte e que rescate de inmediato a concesión da planta de tratamento de residuos sólidos como única garantía de mantemento dos empregos, das condicións laborais e da viabilidade futura das instalacións.

Calendario de concentracións e folga

O persoal repetirá mobilización en María Pita os días 29 e 5 de decembro, ás 11:00 horas, e de non haber unha solución, irán á folga indefinida a partir do 8 de decembro.