O persoal de Alcoa mantén o pulso mobilizador contra o peche e pola retirada do ERE

O sábado hai convocada unha acción de protesta na Torre de Hércules
A Coruña - 07 Nov 2018

Os traballadores e as traballadoras de Alcoa manteñen con pulso firme as mobilizacións en rexeitamento ao peche da fábrica e para esixir da multinacional a retirada do ERE que, de aplicarse, suporía o despedimento de todo o cadro de persoal e o cese da última gran industria da cidade da Coruña.

Entre os/as traballadores/as xa se ten instalado unha dinámica: cada tarde,  a partir das 17 horas, acudir á porta de acceso da fábrica para realizar unha mobilización, que tentan non converter en algo rutineiro mudando o formato das protestas acotío. Así, hoxe realizaron unha pequena marcha entre a planta e a rotonda de acceso ao centro comercial Marineda City, onde permaneceron un anaco rodeando a glorieta.

Protesta o día 10 na Torre de Hércules

Estas protestas diarias combínanse con mobilizacións de carácter máis amplo para implicar a toda a cidadanía, e para este sábado, 10 de novembro, está programada unha concentración ás 12:00 horas na rampla de acceso á Torre de Hércules, onde as persoas participantes formarán a consigna "Peche Non". Ademais, un grupo de traballadores/as trasladarase a Avilés para sumarse á manifestación que o persoal da fábrica asturiana ten convocada para este xoves, 8 de novembro, ao igual que estes compañeiros e compañeiras xa se sumaran á manifestación do pasado día 20 na Coruña.

Non se recoñece o marco negociador da empresa

En canto ao período de consultas do ERE, a representación social da Coruña non recoñece o marco de negociación imposto pola empresa, xa que pretende abordar ambos expedientes nunha única mesa en Madrid. "Pero somos centros de traballo diferentes, polo que o ERE tería que negociarse entre a dirección e o comité de cada unha das fábricas", subliñan dende a Sección Sindical da CIG.

Por iso, e dado que a multinacional do aluminio dá por iniciado período de consultas, o persoal reclama da autoridade laboral que se pronuncie canto antes sobre a legalidade do expediente de despedimento colectivo e urxe aos gobernos a buscar alternativas que garantan o mantemento dos empregos e a continuidade do proceso produtivo. Neste senso, dende a Unión Comarcal da CIG da Coruña subliñan que as administracións non poden ficar de lado neste conflito, "porque non se pode permitir que peche outra industria na comarca e que se afonde no desmantelamento do noso tecido produtivo".