O persoal de ambulancias mobilizarase polos incumprimentos patronais e demandarlle á Xunta que licite os novos contratos

Nacional - 16 Xan 2024

As centrais sindicais CIG, CCOO, UGT e USO acordaron convocar mobilizacións no sector das ambulancias ante a negativa patronal a respectar o pactado no convenio colectivo. Na mañá de onte, luns día 15, tivo lugar reunión entre a parte social e a empresarial para aclarar a redacción dos dous artigos no que está habendo problemas (relativos á paga extraordinaria e á paga de regulación) e pechar así o texto definitivo do convenio para proceder a súa publicación.

Pero o entendemento foi imposíbel porque a patronal se retractou do pactado no preacordo alcanzado o pasado mes de xullo que puxo fin ao conflito laboral no sector.

Diante desta actuación patronal, a representación sindical levantouse da mesa e deu por rachadas as negociacións, avanzando que se iniciarán mobilizacións no sector se non hai unha solución inmediata.

Ademais, dos problemas coa patronal, as centrais sindicais denuncian o desleixo da Xunta de Galiza con este servizo público xa que aínda ten pendentes de licitar os concursos do transporte sanitario non urxente, malia que se comprometeu a publicar os pregos no mes de outubro.

Agora, cun goberno en funcións e ás portas das eleccións autonómicas, a resolución dos novos contratos demorarase aínda máis no tempo, prexudicando gravemente ás traballadoras e traballadores posto que unha parte do incremento salarial pactado coas empresas está vinculado aos novos contratos, e mentres non se adxudiquen o persoal non percibirá a suba dos soldos que lle corresponde.

As organizacións sindicais solicitaron unha reunión co Xunta de Galiza para abordar esta cuestión pero o Goberno galego non contestou á petición.

Xesús Pastoriza, responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, cualifica de "incríbel" a actuación da Xunta de Galiza despois da folga vivida no sector e dos problemas rexistrados neste servizo público pola excesiva carga de traballo e a infradotación económica dos contratos. Por iso, reclama do Goberno galego que abandone a súa actitude de absoluto 'pasotismo' con este sector e que deixe de consideralo como "o irmá pobre" da sanidade pública.