O 80% do persoal de Arenal Perfumerías da Coruña secunda un novo día de folga por unhas condicións dignas

As traballadoras aproveitaron para mobilizarse polas rúas da cidade en demanda dun acordo de melloras salariais e laborais
A Coruña - 06 Xan 2024

Arredor dun 80% do persoal das tendas de Arenal Perfumerías na provincia da Coruña secundou a nova xornada de folga convocada onte para reclamar un acordo que mellore as condicións salariais e laborais, tras os paros desenvolvidos os pasados días 24 de novembro e 23 de decembro. Coincidindo co paro, as traballadoras levaron a cabo unha concentración na tenda da rúa San Andrés ás 11:00 horas e logo marcharon até o establecemento da praza de Catro Camiños. Xa pola tarde, un nutrido piquete informativo percorreu distintas tendas da empresa na cidade.

Dende a CIG-Servizos lembran que Arenal aplica o convenio estatal de perfumerías, que contempla unhas condicións moi inferiores ás do convenio provincial de comercio vario. De feito, máis do 70% do persoal (formado na súa maioría por mulleres) cobra o SMI, malia que a empresa (fusionada con varias transnacionais do sector e en pleno proceso de expansión) rexistra beneficios millonarios.

Neste contexto, a representación da CIG e UGT (que ostentan a maioría absoluta do comité con 6 e 2 representantes respectivamente) leva meses tentando que a dirección sente negociar un acordo de melloras salariais e laborais para que as traballadoras poidan cobrar o mesmo que as compañeiras do sector reguladas polo convenio provincial do comercio vario, de condicións moi superiores.

Porén, a dirección segue sen querer negociar nin atender as demandas das co cadro de persoal, polo que as mobilizacións continuarán até lograr unhas condicións salariais e laborais dignas. Nos vindeiros días as traballadoras analizarán a situación en asemblea e decidirán os seguintes pasos a dar co obxectivo de que a empresa atenda as súas lexítimas demandas.