O persoal de Atento irá á folga todos os luns a partir do 28 de maio en resposta aos abusos da empresa

Denuncian despedimentos, ameazas e coaccións para que as/os traballadoras/es acurten as baixas
A Coruña - 25 Mai 2018

O Comité de Atento na Coruña vén de convocar folga neste centro de traballo en rexeitamento aos despedimentos, a política de acoso e presión e á persecución que a mutua está a realizar sobre o persoal que cae de baixa. A folga comezará o vindeiro luns, 28 de maio, e repetirase cada semana mentres a empresa non se aveña a unha negociación que mude de xeito radical as relacións laborais nesta plataforma.  Os paros laborais desenvolveranse de 00 a 01h, de 12 a 13h e de 18 a 19h e afectan a todos os servizos e departamentos do centro de traballo.

Ademais, coincidindo cos paros das quendas da mañá e da tarde, están convocadas concentracións diante das oficinas de Atento na rúa Juan Flórez, ás 12 horas e ás 18 horas.

"Fartos e fartas de aturar"

O persoal de Atento leva meses mobilizándose contra a política de acoso, ameazas, sancións, apercibimentos e presións practicada pola empresa, que na última reunión mantida co comité non mudou un ápice a súa postura. Diante desta situación, a representación social acordou convocar paros laborais, con carácter indefinido, de unha hora por quenda de traballo, "porque estamos fartas/os de aturar".

Con estas medidas de presión, quérense rexeitar os despedimentos executados ultimamente por Atento A Coruña, as presións que se padecen en todos os departamentos, as sancións e ameazas continuadas sobre as traballadoras e traballadores, e que especialmente están afectando ao departamento Gran Público (comercial), "que superan o nivel que habitual no resto da empresa".

Presións da mutua sobre o persoal de baixa

A isto súmase a presión que está exercendo a mutua para que os/ as traballadores/as acurten as súas baixas e os despedimentos por baixas. Outro dos motivos referidos polo comité é "o control continúo no departamento do CAT ADSL, baseándose nunha 'xestión de desempeño' que só busca perseguir, controlar e sancionar o persoal". Denuncian tamén a pésima xestión das vacacións de todo o centro "que non garante o goce das mesmas en período estival, e que ameazan con asignalas a dedo" de maneira unilateral por parte da empresa".

Sobran as razóns para ir á folga xeral

A reforma laboral facilitou que empresas como Atento, que prestan servizos de atención telefónica para grandes multinacionais como Movistar, poidan precarizar aínda máis as condicións laborais dos seus traballadores e traballadoras, aplicando modificacións substanciais ou despedimentos colectivos sen máis xustificación que incrementar a marxe de beneficio empresarial.

Ademais, a reformas lexislativas introducidas nos últimos anos outorgaron maior poder as mutuas no control das baixas laborais, que de xeito habitual presionan o persoal que cae enfermo para que se reincorpore ao seu posto na maior brevidade, incluso baixo a ameaza de despedimento, sen ter en contra o prexuízo para a saúde da traballadora ou do traballador afectado.

Estas son algunhas das razóns polas que a CIG ten convocada folga xeral para o vindeiro 19 de xuño, en resposta a todos os recortes e reformas antiobreiras que, co pretexto da crise, nos impuxeron nos últimos anos, e que só serviron para xerar máis precariedade e pobreza laboral. É tempo de non calar máis e actuar. Sobran as razóns para ir á folga xeral.