O persoal de Conservas Alonso continúa coas protestas en contra do peche da fábrica de Celeiro

Na reunión deste martes coa empresa non se produciron avances significativos
A Coruña - 26 Abr 2016
Este martes tivo lugar unha nova reunión do período de consultas para o proceso de traslado do persoal que Conservas Alonso pretende levar adiante e proceder así ao peche da fábrica de Celeiro de Viveiro, operativa dende hai máis de 90 anos. Unha decisión que a CIG entende carece de motivacións económicas, técnicas ou organizativas.

Na xuntanza, explica Susana Riveira, da Executiva da CIG da Mariña, non se produciron avances substancias, e só se tocaron algunhas cuestións sobre a posibilidade de estabelecer un convenio especial para as traballadoras máis maiores ou sobre melloras mínimas para o persoal que acepte o traslado a Bueu.

Pola súa banda, a empresa segue na teima de trasladar a produción ás instalacións de Bueu e négase a avaliar calquera alternativa que signifique continuar a actividade na fábrica de Celeiro.

Aínda que o período de consultas remata o próximo sábado, a última xuntanza entre as partes foi trasladada para o luns, xa que o venres desta semana a Consellaría de Economía,  Emprego e Industria convocou a empresa a unha xuntanza en Compostela. Onte foi o persoal quen mantivo un encontro coa Secretaria Xeral de Emprego, e na que a representación social agardaba tamén a presenza patronal, cousa que non aconteceu.

Mentres, as traballadoras e traballadores continuaron na tarde dos luns coas mobilizacións en contra do peche da fábrica e na defensa dos 41 empregos que dependen da mesma. O xoves, proseguirán co calendario de protestas cunha nova concentración o xoves ás 20 horas, na Praza Maior de Viveiro.