O persoal de Elinco concéntrase diante do Concello de Narón en demanda de solucións

A empresa debe os salarios de xuño e a paga extra, acaba de presentar un ERE de extinción e ten problemas financeiros
Narón - 16 Xul 2019

Os traballadores e as traballadoras de Elinco Construciones Eléctricas realizaron unha concentración este martes diante do Concello de Narón para denunciar a situación da empresa e solicitar o apoio da Corporación municipal ás súas reivindicacións. O persoal continuará este mércores coas mobilizacións, mais nesta ocasión diante do estaleiro de Navantia en Ferrol, co gallo da xuntanza prevista entre a empresa pública, a dirección de Elinco e o posíbel inversor.

Durante a protesta ás portas do Concello de Narón, unha representación dos traballadores foi recibida polo tenente de alcalde, actuando como alcalde en funcións, e representantes dos grupos municipais do PSOE e o BNG, a quen lles explicaron a situación de impagamento de salarios que sofren, a incerteza sobre os seus empregos e os problemas financeiros que carrexa a empresa. Ao remate da concentración, o persoal regresou ás oficinas da empresa para celebrar unha asemblea.

O persoal pide un ERE suspensivo

Na tarde de onte, forzada pola presión do persoal, a dirección e os seus avogados mantiveron unha reunión co comité na sede de Elinco no Polígono das Lagoas. Nesa xuntanza, a empresa comunicou o inicio do período de consultas para negociar un expediente de despedimento colectivo para todo o persoal. Como toda documentación acreditativa, explica Ramón Fernández, da CIG-Industria de Ferrol, a empresa entregou unha memoria "moi mediocre e no relativo á obriga de entregar as contas, remitiuse a unha copia sen auditar trasladada nunha reunión que tivemos a semana pasada".

A representación social demandou tamén as contas do Grupo Elinco (propietario do 100% de Elinco Construciones Eléctricas e da empresa Innain) co obxecto de coñecer a situación global da compañía e por entender que se trata dunha unidade empresarial. Porén, a dirección negouse a entregar as contas do grupo"porque considera que non ten obriga legal". Neste senso, Ramón Fernández chama a atención sobre o desvío dos contratos a favor da outra empresa do grupo que planea sobre este conflito e sobre o feito de que "unha desvinculación do persoal total e pactada semella unha temeridade para a representación social".

Por iso, fronte ao ERE extintivo, a parte social reclamou un expediente de suspensión de empregos,"porque consideramos que a dirección debe facer o que estea na súa man para garantir a continuidade do proxecto empresarial, porque é a solución máis áxil para que o persoal non sufra un período de impagos dilatado no tempo, e porque a posibilidade dunha venda da unidade da produtiva en sede concursal pode ser unha opción plausíbel".

Posíbel inversor interesado

Con esta última cuestión, Fernández refírese ao interese amosado na adquisición de Elinco Construciones Eléctricas por parte dunha compañía española. Un interese que, malia non existir unha oferta vinculante, xa foi trasladado por escrito á dirección de Elinco.

De feito, a dirección de Elinco reunirase mañá, mércores, ás 13:00 horas con Navantia  e ese posíbel inversor de cara a estudar a viabilidade da empresa se previamente se recuperan os contratos que Navantia lle retirou a causa das débedas contraídas coa Seguridade Social e se se produce a entrada dese inversor.

Con tal motivo, os traballadores/as continuarán mañá ás súas protestas cunha concentración ás 10 horas diante das portas de Navantia Ferrol, na que chaman a participar solidariamente ao persoal do estaleiro. Para a tarde de mañá está convocada tamén nova reunión do período de consultas do ERE.