O persoal de Ferroatlántica responde ao acordo de venda das centrais cunha folga o venres 10 de marzo

O Comité demanda da Xunta un pronunciamento contundente contra esta operación ilegal
Cee - 14 Feb 2017

Os traballadores e traballadoras de Ferroatlántica Cee-Dumbría -Centrais Hidroeléctricas irán a folga o venres 10 de marzo ante a teima da empresa de querer levar adiante a venda das plantas de xeración de electricidade e a segregación de actividades e na defensa dos postos de traballo e o futuro da comarca. Así llo trasladaron este martes a Pedro Larrea durante a reunión que mantivo en Cee coa representación social, na que confirmou o "ilegal" acordo de venda.

"A convocatoria de folga é a nosa resposta ao anuncio do acordo de venda da centrais hidroeléctricas e o inicio das xestións diante da autoridade bolsista norteamericana. Ante a confirmación de que o Grupo Villar Mir prosegue  adiante con esta operación especulativa, bloqueando calquera tipo de diálogo coa representación do persoal", aseveraron.

Ante este novo panorama, o Comité urxe á Consellaría de Industria a responder á solicitude de reunión cursada hai máis de unha semana e apela á responsabilidade da Xunta como titular das concesións para evitar que o Grupo empresarial poida consumar as súas intencións. Neste senso, segundo informou Larrea, até o momento a multinacional non tería presentado ningún tipo de documentación ou xestión na administración galega. "Isto significa que Ferroglobe negociou un acordo de venda con Brookfield absolutamente ilegal".

O Comité lembra que existe un compromiso por parte de Industria de convocar á representación do persoal no caso de existiren novidades nestes proceso. "Que maior novidade pode haber que o anuncio público do acordo de venda?", inquiren. "Co seu silencio a Xunta está actuando como cómplice da empresa e contra os intereses da comarca".

Por iso, reclaman do Goberno galego un pronunciamento contundente e claro de que non vai autorizar a segregación das actividades enerxéticas e de ferroaliaxes e polo tanto, non vai consentir na especulación cos recursos naturais de todos os galegos e galegas.

A folga afectará a todos os centros da empresa na comarca

A folga, que xa foi rexistrada na Consellaría de Traballo, desenvolverase de 06:00 horas do venres 10 ás 06:00 horas do sábado 11 de marzo e afecta a todos os centros de traballo de Ferroatlántica na Costa da Morte (fábricas de Cee e Dumbría e centrais de Vimianzo e Dumbría). Así mesmo, o paro amplíase a toda a actividade auxiliar que depende de Ferroatlántica.

Co gallo do paro de 24 horas tamén está previsto convocar unha manifestación  pola tarde, á chaman a participar a toda a cidadanía para amosar "o sentir unánime da comarca fronte ás pretensións do grupo empresarial".

Previamente, o venres 24 de febreiro, haberá unha nova concentración ás 18:30 horas diante da factoría de Brens, do mesmo xeito que xa houbo pasado día 10 de febreiro (mobilización á que corresponden ás imaxes desta nova).

"Pedro Larrea volveu hoxe contarnos as bondades dun presunto plan industrial e o que leva é unha folga en marcha. Este comité non está disposto a negociar ningún proxecto industrial que se sustente na venda e segregación das centrais hidroeléctricas, rachando a legalidade vixente, e descapitalizando a empresa. Terá toda a nosa disposición ao diálogo cando nos presente un proxecto financiado a través dun plan plurianual de reinversións en todas as actividades que o grupo explota. Mentres isto non ocorra, seguiremos coas mobilizacións até onde faga falta", conclúen dende o Comité.