O persoal de GFS que traballa no CHUO pasa a outra empresa pero o Grupo Tojeiro non parece en disposición de seguir este camiño

Ferrol - 24 Xul 2023

GFS Security Group está en quebra técnica e non pode facer fronte ao pagamento dos salarios do seu persoal. Os problemas con esta empresa, que presta os servizos de seguridade privada a empresas do Grupo Tojeiro como Forestal del Atlántico, Reganosa ou Gadisa, e administracións como o CHUO, comezaron no mesmo momento que accedeu aos contratos que até ese momento tiña Prosetecnisa, empresa que á súa vez deixou unha importante débeda co seu persoal.

Dende esta mesma semana, os traballadores e as traballadoras que prestan os seus servizos no hospital de Ourense comezarán a traballar na empresa Securitas. Porén, o Grupo Tojeiro non amosou aínda intención de imitar tal comportamento, "dando a impresión de que continúa a confiar no seu conseguidor de confianza, Jaime Villares", denuncia a CIG-Servizos de Ferrol.

Lembran que malia que as empresas do Grupo Tojeiro comezaron a abonar unhas cantidades salariais (das que aínda non está claro se corresponden aos impagamentos da anterior contrata, Prosetecnisa, ou ás nóminas de maio que GFS non pagou), "urxe darlle unha solución definitiva aos traballadores e traballadoras", que levan anos arrastrando problemas coas diferentes compañías que se sucederon nestes servizos.

Esta solución, recalca a CIG-Servizos, "pasa por contratar empresas que acrediten solvencia (e que non precisen falsificar certificados para semellalo) antes de proceder á súa contratación, porque do contrario dentro duns meses atoparémonos na situación de ter o mesmo conflito que se está a ter agora ou os que se tiveron no pasado coas anteriores empresas". "De pouco serve cubrir as débedas da empresa pirata que contratas se a túa intención é seguir contratando empresas piratas cando esta desapareza", engaden.

Neste senso, a federación de Servizos subliña que o persoal aínda ten pendente de percibir a paga extraordinaria do verán, e séguese a incumprir o disposto no convenio colectivo a respecto das datas de ingreso dos salarios. No resto de servizos que ten GFS no país, a sorte do persoal é diversa e mentres algunhas empresas xa valoran a opción de pagar directamente os soldos atrasados, outras non formularon esta posibilidade "abandonando aínda máis á súa sorte ao persoal que traballa nas súas instalacións".

Que sexa o propio Grupo Tojeiro quen asuma o abono dos soldos alivia en parte a precaria situación económica do persoal pero tamén agrava a incerteza sobre o futuro laboral, pois se GFS deixara o servizo sen abonar os salarios (como pasou en outubro con Prosetecnisa) "estariamos falando dunha débeda de máis de 150.000 euros". Porque o problema de fondo segue sen resolverse: a constante contratación de empresas de dubidosa solvencia.