O persoal de Leche Celta volve saír en manifestación polas rúas de Meira nunha nova xornada de folga

Dende o domingo pasado non entra "nin un só litro de leite" na empresa
Meira - 16 Abr 2018

Os traballadores e as traballadoras de Leche Celta continúan coa folga indefinida para esixir melloras laborais e salariais na planta de Meira, "onde dende hai máis de unha semana non entra un litro de leite". O persoal volveu saír en manifestación este luns polas rúas do centro do concello e posteriormente mantivo unha concentración ás portas da factoría.

Ao longo desta tarde, os traballadores e as traballadoras elaborarán un novo calendario de mobilizacións e accións para tentar convencer a empresa de que sente a negociar. O secretario comarcal da FGAMT-CIG, Christian López, cualificou de "irresponsábel" a actitude mantida pola dirección de Leche Celta "pois semella non parecer preocupada pola marcha da planta nin por non poder cumprir co contrato co seu único cliente, Mercadona".

Neste senso, sinalou que o comité entende que poderíamos estar ante unha manobra especulativa por parte de Leche Celta, que vén sostendo unha complexa política de empresa neste centro de traballo, no que non se elabora produto con valor engadido. Así, lembrou que na planta de Meira só se envasan tres formatos de leite (enteira, semi e desnatada), o que apunta a unha aposta "pouco firme" por estas instalacións.

Os/as traballadores/as denuncian tamén que a empresa prefira asumir os elevados custes económicos de derivar o leite da recollida propia a outras plantas do grupo ou a outras industrias da provincia, antes que sentar a negociar un acordo que permita equipara as condicións do persoal coas que xa ten o persoal da fábrica de Pontedeume.

Superar o marco do convenio estatal de industrias lácteas

Así as cousas, o persoal está decidido a dar a batalla pola mellora das súas condicións laborais e por, ao igual que fixeron os compañeiros e compañeiras de Pontedeume, superar o marco do convenio estatal de industrias lácteas para acadar un convenio que contemple salarios e condicións dignas. Por iso, nesta nova xornada de folga, o 100% do persoal está secundando o paro, polo que a actividade da planta está totalmente paralizada. De feito, apuntou López Carmona, dende o domingo da pasada semana "non entre nin un só litro de leite na planta de Meira".