O persoal de Leche Río inicia mobilizacións pola mellora das condicións laborais

Lugo - 13 Mar 2023

O persoal das factorías de Grupo Leche Río SA iniciou este luns mobilizacións pola mellora das condicións laborais, salariais e sociais. Os arredor de 140 traballadores e traballadoras da planta que a empresa ten no Polígono do Ceao de Lugo están secundado a primeira xornada de folga parcial de catro horas (das 12 até ás 16h) e fixeron unha concentración no acceso ás instalacións.

Estas mobilizacións están convocadas polo comité de empresa, con representación maioritaria da CIG, e chegan despois de meses reclamándolle á dirección unha serie de melloras nas condicións laborais, que compensen a excesiva flexibilidade que demanda Leche Río e que pretende implantar "a custe 0".

O secretario da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López, explica a empresa quere que o persoal traballe en sábados e incluso domingos pero a un custe inferior ao que tiña recoñecido até agora. "Este foi o detonante que levou á convocatoria das mobilizacións".

A este respecto, apunta que, a pesar da calidade e dos investimentos tecnolóxicos nas factorías do Grupo Leche Río, así como a aposta por produtos de alto valor engadido, o grupo empresarial "non ten a mesma dinámica no aspecto laboral". De feito, Leche Río é unha das poucas compañías potentes do sector que segue sen ter un acordo de melloras por enriba do convenio de referencia: o estatal de industrias lácteas.

López denuncian que as condicións tanto en materia salarial como nos aspectos sociais que ten o persoal das factorías de Leche Río "están á cola doutras empresas do sector".

Os paros repetiranse o luns 20 e 27 de marzo

Diante da falta de avances e da postura inmobilista da empresa, que se nega a asumir ningunha das propostas da parte social, o comité acordou convocar un calendario de mobilizacións con paros de catro horas os luns 13, 20 e 27 de marzo, e concentracións diante da factoría.