A limpeza do CHUF retoma as protestas para esixir a Ferrovial "que deixe de facer negocio coa nosa saúde"

Denuncian a política de represión aplicada pola empresa as traballadoras/es que caen de baixa
Ferrol - 21 Mar 2018

Os traballadores e as traballadoras de Ferrovial (empresa encargada da limpeza do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, CHUF) continuarán este xoves coas mobilizacións para esixir o cese das represalias, os recortes e "que deixe de facer negocio coa saúde do persoal". Este xoves realizarán unha nova concentración no vestíbulo do hospital de 12:30h a 13:30h.

Dende a CIG-Servizos de Ferrol denuncian que Ferrovial está a aplicar unha política de represión laboral, castigando o persoal que cae de baixa médica, mudándolle os horarios e cambiándolle os postos, para asignarlle as tarefas máis penosas. Este actitude, critican, "sostense grazas á impunidade que significa ser sempre a empresa que mellor puntuación recibe na parte técnica, a pesar dos continuados incumprimentos". De feito, as empresas do grupo Ferrovial levan máis de 13 anos consecutivos prestando o servizo de limpeza no CHUF.

Pasividade da Xerencia

Para a central sindical (con maioría no comité) resulta altamente preocupante que a dende a área sanitaria de Ferrol non só se consinta este comportamento patronal, "senón que mesmo se achande o camiño a unha empresa que xerou a maior destrución de emprego e precarización na historia do hospital". Cómpre lembrar que no último prego de condicións, o SERGAS incrementou o prezo do servizo até niveis precrise "para limpar a mesma superficie pero con 20 traballadoras/es menos" dos que estabelecía o anterior concurso.  

Esta situación dáse logo de que Ferroser, anterior concesionaria tamén do grupo Ferrovial, coa escusa da crise, reducira o cadro de persoal nunhas 20 persoas, quedando cos arredor de 100 traballadores/as actuais.

Diante desta situación e falta absoluta de actuacións por parte da Xerencia do Hospital, a Federación de Servizos da CIG de Ferrol advirte que non vai consentir este tipo de comportamentos empresariais e que se dará a oportuna resposta a cada agresión aos dereitos destas traballadoras e traballadores.