O persoal de Maderas Iglesias manterá a folga ao non confiar nas novas promesas da dirección

Rexeitan en asemblea o resultado da mediación do CGRL entre patronal e comité
O Porriño - 11 Set 2018

A folga indefinida en Maderas Iglesias, que este martes cumpriu 15 días, continuará ao non aceptar o cadro de persoal os compromisos adquiridos esta mañá pola patronal coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais. A proposta, que contemplaba un calendario de pagamentos dos salarios adebedados e dos atrasos, requiría a suspensión dunha folga que se prolongará debido á desconfianza xerada tras anos de incumprimentos.

Co ánimo intacto despois de dúas semanas de paralización total da empresa. A unanimidade coa que as traballadoras/es da empresa de fabricación de tarima flotante con sede no Porriño afrontaron a convocatoria da folga indefinida non decae, e entra na terceira semana desafiando as novas promesas efectuadas por unha patronal, á que, a estas alturas, dan escaso crédito.

Así pois, e a pesar da mediación efectuada na mañá deste martes polo Consello Galego de Relacións Laborais, que resultou nunha listaxe de compromisos que incluía un calendario de pagamentos das nóminas adebedadas, o persoal expresou a súa negativa a depor a loita na asemblea celebrada ás 19 horas no Velódromo do Porriño.

Lembran, como exemplo recente, o incumprimento das condicións pactadas tras o ERE de xuño deste ano – que lograron reverter de 150 a 34 ceses- pero cuxas indemnizacións aínda non foron abonadas. Tamén o calvario vivido tras oito anos de conxelación salarial, así como a demora continua e incumprimentos no pago de nóminas, das que a día de hoxe seguen pendentes a de agosto e a extra de xullo do ano vixente.

Piden, ademais, o respecto da Xunta á decisión tomada pola asemblea traballadoras/es, reivindicando que a administración se implique de xeito pleno na consecución de investidores de cara a lograr un futuro para a empresa.

Actualización do 12/09/18

O persoal de #MaderasIglesias manifestose esta mañá en #Vigo na 16ª xornada de folga indefinida, reafirmando a súa vontade de loita para esixir o pagamento dos salarios adebedados e un futuro para os 200 postos de traballo.

Percorreron o traxecto entre a casa dun dos donos da empresa e a Xunta de Galiza, realizando unha parada no hotel NH, tamén da familia propietaria.

Tal e como afirmaron onte en asemblea, tras rexeitar o resultado da mediación, xa non confían nas novas promesas da dirección. Mañá, xoves, levarán a cabo unha nova xuntanza para analizar o camiño a tomar tras o novo escenario creado.