O persoal de Maderas Iglesias marchará até a Xunta en Vigo coincidindo cunha xornada de folga

O comité convoca unha camiñada e un día de paro este xoves para reclamar o mantemento do emprego

O Porriño -

O cadro de persoal de Maderas Iglesias, compañía porriñesa dedicada á fabricación de tarima flotante que atravesa unha situación crítica, levará a cabo unha marcha a pé até a delegación da Xunta en Vigo este xoves coincidindo coa xornada de folga convocada para reclamar o mantemento do emprego e medidas que garantan a supervivencia da empresa.

Segundo explican dende a federación de Construción da CIG de Vigo, a camiñada arrincará da fábrica situada na estrada de Atios a Pontellas (O Porriño) ás 8:30 horas e rematará diante do edificio administrativo da Xunta na cidade por volta das 13:00 horas. 

A camiñada arrincará da fábrica do Porriño ás 8:00 e ramatará na Xunta en Vigo ás 13:00 horas

Dende o comité de empresa, presidido pola CIG, fan un chamamento á veciñanza dos concellos que resultarían afectados polo peche da compañía (Salvaterra, O Porriño, Vigo, Ponteareas, Mos, etc.) a sumarse á marcha en demanda do mantemento dos 250 postos de traballo e da aplicación de medidas que garantan a viabilidade dunha firma estratéxica para o sur da provincia de Pontevedra.

Precisamente para facilitar a participación do cadro de persoal na mobilización o comité convocou unha xornada de folga, ao tempo que continúa coas xestións institucionais orientadas a recadar apoios entre as distintas Administracións públicas locais. Neste senso, a representación sindical continúa á espera de que a Consellaría de Economía, Emprego e Industria convoque unha xuntanza para informar das xestións realizadas para intentar salvar a compañía.

Volver