O persoal de Maderas Iglesias mobilizarase en Santiago en defensa da continuidade da empresa

Convocada unha xornada de folga para que os traballadoras/es poidan acudir ao Parlamento e ao Igape

O Porriño -

O cadro de persoal da Maderas Iglesias, empresa do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante que se atopa en situación crítica, trasladarán a Santiago as mobilizacións en defensa da continuidade da compañía. O comité convocou unha xornada de folga o vindeiro xoves 28 para que todas/os as traballadoras/es poidan participar nas concentracións previstas ese día diante do Parlamento e do Igape.

Segundo explican dende o comité de empresa, presidido pola CIG, un grupo de alcaldes das comarcas da Louriña e do Condado acompañarán as empregadas/os a Santiago para apoiar as súas reivindicacións, conscientes de que se trata dunha compañía estratéxica para a zona e da que dependen centos de familias. 

Alcaldes do Condado-Louriña acompañarán os empregadas/os até Santiago

Está previsto que ese día a representación do cadro de persoal manteña xuntanzas no Parlamento cos distintos grupos políticos a partir das 10:30 horas, mentres que as traballadoras/es permanecerán concentradas/os ás portas do edificio.

Posteriormente, por volta das 12:30 horas, trasladaranse até a sede do Igape (onde tamén desenvolverán unha protesta) para manter unha reunión cos seus responsábeis co obxectivo de buscar unha solución que garanta a viabilidade da empresa.

Asemblea de traballadoras/es

A presenza dos alcalde foi abordada o pasado luns nunha xuntanza co comité e ratificada polas empregadas/os de Maderas Iglesias hoxe en asemblea, na que tamén decidiron convocar as mobilizacións “conscientes de que a empresa ten viabilidade no caso de que a Administración se tome en serio a situación”. Neste senso, expresaron a súa disposición a loitar até o último momento co obxectivo de manter os seus empregos.

Dende o comité anuncian que o vindeiro 12 de xaneiro foron convocados/as a unha xuntanza coa empresa para comunicarlles os nomes das 140 empregadas/os ás que lles aplicarán o ERE extintivo. “A partir de aí abrirán unha negociación até o 25 de febreiro, data na que presentarían formalmente o ERE”. Con todo, a intención do comité e paralizar esta medida e lograr a viabilidade dunha compañía que emprega na actualidade a 250 persoas, das que o 85% son mulleres.

Finalmente, fan un chamamento aos axentes sociais e ao conxunto da cidadanía para que se solidaricen coa súa loita e apoien as súas reivindicacións en defensa dunha das empresas máis importantes do sur da provincia de Pontevedra. “O seu peche definitivo sería un auténtico desastre para a zona”, rematan.

Volver