Mantemento do Cunqueiro convoca folga indefinida para reclamar un convenio que iguale as condicións laborais

O paro do persoal de Veolia, a empresa concesionaria, dará comezo ás 00:00 horas do martes 26
Vigo - 12 Dec 2017

O cadro de persoal de Veolia, concesionaria do servizo de mantemento do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, decidiu convocar folga indefinida para reclamar un convenio colectivo no centro de traballo que iguale as condicións laborais de todos/os os traballadores/as. O paro, que se produce despois de que a empresa se negase a incluír no acordo a ultractividade do convenio, dará comezo ás 00:00 horas do martes 26 de decembro.

A decisión de convocar a folga foi adoptada onte en asemblea por unha ampla maioría dos empregados/as e conta co apoio da práctica totalidade dos sindicatos que integran o comité de empresa (CIG, CCOO e UTI), coa excepción da UGT, que optou por desmarcarse aínda que tamén fai parte do comité. 

O paro conta co apoio do comité, a excepción de UGT, que optou por desmarcarse

Segundo explican dende a representación do cadro de persoal, estas diferenzas nas condicións laborais foron denunciadas ante a Inspección de Traballo, tras o que a empresa accedeu a negociar un convenio colectivo que as igualase.

E é que entre os 60 empregados/as do servizo de mantemento que foi centralizado no Álvaro Cunqueiro hai persoal con diferentes convenios: subrogado do Meixoeiro, de electromedicina, novas contratacións e persoal procedente do Sergas a través da empresa concesionaria do hospital “ao que se lle ten que aplicar un acordo de integración pero ao que non se lle respectan as condicións publicadas no Diario Oficial de Galiza”.

Principio de acordo

Neste senso, indican que tras ano e medio de conversas chegaron a un principio de acordo sobre o convenio, que non se puido concretar cando se abordou a cuestión da ultractividade, xa que a dirección non quere respectar as condicións pactadas cando remate a súa vixencia e mentres non se negocie un novo acordo. E isto a pesar de que os traballadores/as foron cedendo en distintas cuestións co ánimo de desbloquear a situación a empresa segue a dilatar o proceso.

Diante disto, dende o comité reclámanlle aos usuarios/as do centro sanitario comprensión e solidariedade coas súas “xustas reivindicacións” ante os posíbeis prexuízos que poida causar unha convocatoria para a que se fixarán os servizos mínimos nos vindeiros días.

Ademais, lembran que as mobilizacións nos exteriores do hospital vigués continúan a diario entre as 10:00 a 11:00 horas, protestas que seguirán durante a folga.