O persoal do servizo de mantemento do CHUO convoca folga indefinida tras cinco xornadas de paro

Denuncian prepotencia e os intentos de boicot por parte de Ferrovial
Ourense - 15 Feb 2018

O cadro de persoal do servizo de mantemento do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) acordou este venres convocar folga indefinida a partir do vindeiro 26 de febreiro tras cinco xornadas de paro para denunciar os incumprimentos do convenio e a discriminación laboral que padecen.

A decisión chega logo de cinco días de paro -que foron secundados por 13 dos 14 traballadores/as e cuxa última xornada se desenvolveu este luns- e de numerosas mobilizacións nos arredores do centro sanitario ourensán. Malia todo, a empresa continúa sen poñerse en contacto coa representación sindical, ao tempo que mantén unha actitude de “prepotencia e ninguneo” e a “clara intencionalidade” de boicotear a folga. 

Denuncian que Ferrovial está a derivar carga de traballo para o persoal do Sergas

Neste senso, dende a CIG-Industria denuncian que Ferrovial está a derivar carga de traballo para os operarios/as de mantemento do Sergas e mesmo contratou compañías externas para que se encarguen das labores que normalmente desenvolven os traballadores/as que agora se atopan de folga.

Critican tamén a mala xestión dos cartos públicos “xa que temos constancia de que unha caldeira pagada con fondos europeos unicamente se utilizou cando veu a conselleira de Sanidade”.

Novas mobilizacións

Ademais, anuncian que coincidindo coa folga indefinida levaranse a cabo novas mobilizacións. A primeira delas será unha concentración diante da residencia vella o vindeiro mércores 21 ás 10:00 horas. Na última, celebrada este pasado luns, participou o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, 'Tupi'.

Finalmente, lembran que entre as principais reivindicacións dos traballadores/as de Ferrovial salientan a necesidade de máis persoal para cubrir as necesidades de mantemento de todo o complexo sanitario; o reiterado incumprimento do convenio do siderometal da provincia, xa que traballan fins de semana e festivos sen ningún tipo de remuneración ou compensación; o elevado número de accidentes que se producen na quenda de noite cun só traballador/a; e a discriminación salarial (plus de perigosidade, festivos e fins de semana) con respecto a outros centros da provincia xestionados pola mesma empresa.