O persoal de mantemento do CHUO convocará unha xornada de paro se Ferrovial segue a incumprir o convenio

Tras gañar no Xulgado as horas de nocturnidade agardan cobrar os atrasos e actualizar as nóminas

Ourense -

Os empregados/as de Ferrovial Servicios, concesionaria do servizo de mantemento do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), decidiron hoxe en asemblea convocar unha xornada de paro en xaneiro no caso de que non mude a actitude da dirección nas negociacións abertas para abordar o incumprimento do convenio provincial do siderometal por parte da empresa.

Dende a federación de Industria da CIG de Ourense valoran moi positivamente a decisión dos traballadores/as de facerlle fronte a unha compañía como Ferrovial, que cotiza no IBEX 35 e que obtén grandes beneficios grazas ás concesións publicas adxudicadas polo Goberno do Partido Popular. 

Queremos que se respecte o convenio sen ter que acudir ao Xulgado

“Queremos que se respecte o convenio colectivo provincial e que teñan unha verdadeira intención de negociar sen termos que estar a denunciar constantemente no Xulgado do Social”, indica o secretario comarcal da CIG-Industria, Indalecio Gómez.

Neste senso, lembra que a última denuncia que gañaron foi a das horas de nocturnidade, “que a empresa estaba pagando mal”, e que agora están á espera de que os traballadores/as cobren os atrasos e se actualicen as nóminas.

Volver