O persoal de Navantia queima o convenio e o plan industrial para evidenciar o seu rexeitamento ás propostas da dirección

Ferrol - 04 Xul 2023

Os traballadores e as traballadoras de Navantia mobilizáronse a primeira hora deste martes diante das oficinas da dirección no estaleiro de Ferrol para reiterar o seu rexeitamento tanto á proposta de convenio colectivo como ao plan industrial do grupo e reclamar unha reunión urxente coa dirección.

Esta é a primeira mobilización que se fai despois da votación da pasada semana de ambos documentos (que foron rexeitados por ampla maioría en Ferrol e Fene) e para visibilizar esta oposición, na protesta de hoxe procedeuse a unha queima simbólica tanto do convenio como do plan, xa que ningunha das propostas responde ás demandas da parte social.

Co resultado incuestionábel da votación (73,5% en Ferrol e 87% en Fene votaron non ao convenio e o 54,3% en Ferrol e 74% en Fene dixeron non ao plan industrial), a sección sindical da CIG insiste na necesidade de continuar coas negociacións, mais tamén intensificar as mobilizacións para poder acadar un convenio colectivo de condicións dignas e un proxecto industrial que recolla os investimentos e as infraestruturas que os estaleiros precisan para garantir a actividade no futuro.