O persoal de Pérez Torres no Porto de Ferrol mobilizarase contra os despedimentos e a precarización

Ferrol - 29 Set 2023

O persoal que presta servizos na empresa Pérez Torres Marítima no Porto de Ferrol mobilizaranse en defensa dos postos de traballo e contra a precarización das condicións laborais.

Nos últimos tempos, a empresa está a tentar precarizar as condicións laborais recorrendo á última reforma laboral na súa política de contratación. Francisco Cartelle, da FGAMT-CIG de Ferrol, explica que Pérez Torres fai un uso abusivo dos contratos fixos-discontínuos, malia que aínda están sen regular no sector, xa que tanto UGT como CCOO renunciaron a regular esta figura contractual no convenio colectivo provincial de aplicación.

Pérez Torres fai un uso abusivo dos contratos fixos-discontinuos, malia que aínda están sen regular no sector

Así, subliña Cartelle, mentres por unha banda se producen estas novas contratacións precarias, por outra, a empresa executa despedimentos de persoal con antigüidade e con mais dereitos. "Na última semana asistimos ao despedimento de dous compañeiros, algún con máis de 20 anos de antigüidade, xustificándoos pola baixada de actividade", alerta.

Considera indignante que a consignataria recorra a este argumento cando no porto de Ferrol "están a traballar a cotío persoal das ETT e persoal eventual a esgalla". Por iso advirte que este camiño de precarización das condicións de traballo "atoparase sen dúbida coa oposición frontal do persoal que non vai permitir a perda do conquistado ao longo dos anos", salienta.

É por iso que o persoal de PT Marítima no Porto de Ferrol acordou iniciar un calendario de mobilizacións para amosar o seu rexeite aos despedimentos e ao deterioro das condicións laborais. Para darlle máis visibilidade, as concentracións desenvolveranse no paseo marítimo de Ferrol, a altura do punto de información turística do Km0 do Camiño Inglés, os seguintes días e horas:

  • Luns 2 de outubro, de 12:00 a 13:00h.
  • Xoves 5 de outubro, de 17:30 a 18:30h.
  • Luns 9 de outubro, de 17:30 a 18:30h.
  • Mércores 11 de outubro, de 12:00 a 13:00h.
  • Luns 16 de outubro, de 12:00 a 13:00h.
  • Xoves 19 de outubro, de 17:30 a 18:30h.

Ademais, xa advirten que no caso da empresa non accede ás xustas pretensións do persoal, decidiranse novas medidas de presión a realizar "para que a calidade dos postos de traballo no Porto de Ferrol non diminúa e a precariedade campe as súas anchas".