O persoal de Pescanova perfilará en asemblea a súa última proposta de convenio

A maioría sindical convocará protestas no caso de que non haxa acordo antes de final de mes
Vigo - 06 Abr 2017

O cadro de persoal de Nueva Pescanova celebrará unha asemblea este sábado en Redondela para perfilar a última proposta de convenio colectivo que lles trasladarán á empresa a instancias da mediación laboral. A maioría sindical (CIG, CUT, UGT e USO) agarda que o acordo poida estar pechado antes de que remate o actual mes de abril, xa que do contrario retomarán as mobilizacións.

O anuncio foi feito hoxe en rolda de prensa por representantes das catro organizacións que ostentan a maioría sindical na empresa de alimentación viguesa, xa que CCOO negocia nunha mesa aparte tras o veto das outras centrais polo seu “comportamento desleal”. Durante a comparecencia diante dos medios explicaron tamén o contido das catro xornadas de negociación celebradas a semana pasada coa da mediación laboral, encontros que terían servido “para avanzar, sobre todo no que ten que ver coa flexibilidade de xornada”.

Con todo, o primeiro que sinalaron os responsábeis sindicais da CIG, CUT, UGT e USO nada máis comezar a rolda de prensa foi a incapacidade da interlocución fixada pola empresa para tomar decisións, “tendo que consultar constantemente as nosas propostas por vía telefónica”. Diante disto, adiantaron que´se esta situación non muda nas vindeiras conversas “teremos que solicitar unha xuntaza co consello de administración, xa que os seus integrantes son os únicos/as que poden decidir”.

A pesar disto as reunións terían servido para achegar posturas, e incluso para que se producisen avances “grazas á unidade amosada pola maioría sindical, xa que a empresa comeza a entender que se vai enfrontar a un conflito moi longo no caso de que non dea marcha atrás na súa intención de precarizar as condicións laborais”.

Segundo indicaron, os maiores avances producíronse a respecto da flexibilidade xa que as centrais lograron que a dirección retirase a súa proposta de establecer unha xornada laboral de luns a domingo con 40 horas semanais e coa libre disposición dos traballadores/as. “Conseguimos que desistisen desta idea propoñéndolles crear unha cuarta quenda de traballo para o persoal de nova entrada e para todo/a aquel/a que se presente voluntario, aínda que a súa entrada en vigor está a expensas do acordo económico”. Esta quenda poderá ser a tempo completo (cinco días de traballo seguidos e dous de descanso) ou parcial.

Baixar os salarios

A empresa insiste na súa pretensión de rebaixar os salarios de nova incoporación, aínda que se amosou disposta a aplicar unha suba do 2% nas táboas salariais propostas nun primeiro momento. As centrais apostan por que o soldo de entrada sexa o existente na actualidade no centro de traballo de Chapela (14.100 euros anuais) e que ao ano seguinte pase a ser o que hai na fábrica do Porriño (16.300). As partes acordaron que a promoción dos empregados/as sexa cada dous anos e non cada catro como quería a empresa.

O incremento salarial do conxunto dos traballadores/as e a duración do convenio son outros dos temas no que se manteñen diferencias de criterio. A patronal pretende pechar un acordo que estea vixente de 2016 a 2020 (mentres que os traballadores/as queren que a súa duración sexa entre 2016 e 2018) e que contemple unha suba de soldos dun 1%. Pola súa banda, o persoal reclama unha suba do IPC máis medio punto para 2016 co obxectivo de recuperar unha parte do poder adquisitivo perdido e do IPC real para 2017 e 2018.

Diante disto, a mediación laboral instou ás dúas partes a presentar cadansúa última proposta de convenio o vindeito martes 11 de abril, tras o que se abrirá unha nova rolda de negociacións co obxectivo de pechar un acordo que permita a renovación dos convenios colectivos nos distintos centros de traballo da compañía. Esta proposta será perfilada co conxunto dos traballadores/as na asemblea que terá lugar este sábado no multiusos de Redondela ás 10.00 horas.