O persoal de Poligal pide a implicación dos concellos de Ferrol e Narón na busca dun proxecto industrial

O comité reuniuse este martes cos alcaldes de ambas localidades
Ferrol - 20 Ago 2019

O comité dos xa ex-traballadores e ex-traballadoras de Poligal mantivo un encontro este martes cos alcaldes de Ferrol, Ángel Mato, e co alcalde en funcións de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, para demandarlles a implicación de ambas Administracións locais na busca dunha alternativa que permita retomar a produción e recuperar os máis de cen empregos que xeraba a planta antes da decisión do Grupo Peralada de liquidar a empresa e deslocalizar a produción.

Dende a parte social explicouse que a próxima reunión da mesa de traballo constituída no IGAPE está prevista para o 30 de agosto, mais dende a última xuntanza nada se ten avanzado na concreción dun proxecto viábel. Aínda que dende o IGAPE insisten na existencia dun grupo industrial que estaría estudando as posibilidades da unidade produtiva -tanto para retomar a produción de film como para iniciar outros proxectos-; "a sensación dos traballadores e das traballadoras é que a Xunta non está cumprindo coas súas obrigas, pois transcorren os meses e a estas alturas non se concretou aínda un proxecto real".

Concentración na Xunta

Este mércores, 21 de agosto, os traballadores e traballadoras van realizar unha nova concentración diante do edificio da Xunta de Ferrol entre ás 10:00 horas e ás 11:00 horas.

Por iso, na reunión de hoxe o comité demandou a implicación activa tanto do Concello de Narón como do de Ferrol, cuxos representantes se comprometeron a interceder vía institucional para coñecer o traballo do IGAPE e presionar e colaborar no posíbel na busca dunha solución. De igual xeito, o comité pediulles a Ángel Mato e Sánchez Fojo que se dirixiran ao Ministerio de Industria, xa que malia terse comprometido a realizar varias xestións (entre elas, instar ao Grupo Peralada a retirar o ERE extintivo), dende o pasado mes de marzo non se volveron pór en contacto coa representación dos traballadores/as.

Traballar conxuntamente para que se concrete unha alternativa

Nesta liña, critican o desleixo absoluto do Ministerio ante o peche doutra empresa na comarca de Ferrolterra, máxime cando nunha comparecencia  no Congreso, dende Industria se asegurou que se estaba a traballar man a man coa Xunta de Galiza na procura dunha alternativa. Unha colaboración entre Administracións que o alcalde ferrolá afirmou que existe, pero que a Xunta nega.

A este respecto, o comité demanda que as Administracións "deixen de botar balóns fóra" e que tanto a Consellaría como o Ministerio asuman as súas responsabilidades para lograr que se formalice un proxecto de futuro, porque canto máis tempo transcorra máis difícil será atopar unha alternativa.

"O ideal sería que as Administracións tiveran feito o máximo esforzo para evitar os despedimentos e poder concretar un proxecto industrial coas instalacións aínda en marcha. Isto non aconteceu, os traballadores/as están na rúa, o proceso concursal segue o seu camiño e nin o Goberno español nin o Goberno galego poden consentir que se siga destruíndo tecido produtivo en Ferrolterra porque as empresas decidan deslocalizar produción para sacar maiores beneficios logo de ter recibido todo tipo de subvencións e axudas públicas", aseveraron.