O persoal de Refesa irá á folga en xaneiro se non hai acordo no convenio colectivo

A remolcadora ten o convenio prorrogado dende 2013 e négase a asumir melloras na regulación da xornada e os salarios

Ferrol -

A asemblea de traballadores de Remolcadores Ferrolanos SA (Refesa) acordou iniciar mobilizacións e ir á folga, diante da parálise na negociación do convenio colectivo (en ultravixencia dende 2013) e a negativa da patronal a asumir ningunha mellora nos salarios e na regulación da xornada de embarque.

Así o explicaron este xoves en rolda de prensa Francisco Cartelle, responsábel da FGAMT-CIG en Ferrol, e Francisco Calvo, delegado de persoal, quen explicaron que as negociacións para o novo convenio comezaron o pasado mes de xuño, pero en cada reunión "as posturas íanse distanciando máis".

Empresa destacada no sector

Refesa forma parte da UTE que ten a concesión do servizo de remolcadores do porto de Ferrol e, entre outras tarefas, encárgase de remolcar os gaseiros que entran en Reganosa. O servizo dispón en total duns 40 operarios/as, dos/as que 12 pertencen a Refesa.

A compañía (do Grupo Reyser, a súa vez integrado no Grupo Bergé) ten dúas embarcacións en Ferrol e é, segundo consta na súa páxina web, o maior operador de servizos de amarre do Estado español e o segundo en servizos de remolque.

Na última xuntanza as negociacións racharon logo da parte social presentar unha plataforma de mínimos que a empresa non só rexeitou, senón que mesmo "contraofertou cunha proposta de convenio peor que a que nos viñan presentando".

Regulación da xornada e salarios

Unha das principais reivindicacións do persoal refírese á regulación da xornada de embarque, pois nestes momentos os traballadores realizan quendas "leoninas" de 24 horas durante 28 días consecutivos, descansando despois outros 28 días.

Fronte a isto, apunta Cartelle, demándase que a xornada sexa de 14 días de traballo e 14 de descanso e "con un mes de vacacións continuado no verán, pois agora as vacacións enténdense dentro dos 28 días de descanso".

En canto á cuestión económica, o responsábel sindical lembrou que o convenio de REFESA está caducado dende 2013 e dende ese ano "os traballadores foron perdendo poder adquisitivo". Para compensar nalgunha medida esta perda, na última plataforma reclámase un incremento salarial do 3% para 2017, "unha cifra que non é para nada esaxerada", apunta. Porén, a empresa tampouco quere asumir este incremento.

Contactos coas empresas afectadas

Ante a falta de avances na negociación, a asemblea de traballadores acordou iniciar accións reivindicativas e a convocatoria dunha folga, que previsibelmente se desenvolverá no mes de xaneiro. Previamente, a representación do persoal vai manter contactos coas empresas afectadas (Navantia, Reganosa, Forestal, Endesa, e SAGEP -servizo de estiba-) para informar do conflito laboral, así como coa Autoridade Portuaria "que algo terá que dicir no asunto".

Represión sindical contra o delegado da CIG

Cómpre lembrar que esta é a primeira ocasión na que a CIG negocia o convenio de Refesa, xa que até este ano a central nacionalista nunca conseguira montar candidatura nesta empresa. Porén,  o cambio na representación sindical foi conflitivo xa que a remolcadora non dubidou en despedir ao candidato da CIG, inmediatamente despois de coñecer que se ía presentar ás eleccións sindicais.

O despedimento constituía unha represión empresarial tan clara que, durante o xuízo, até a Fiscalía compartiu o posicionamento da parte demandante, ao considerar que se trataba dun despedimento nulo, porque se vulneraron os dereitos fundamentais do traballador; así como que os argumentos da empresa eran unha tapadeira para ocultar o seu verdadeiro obxectivo: impedir que a CIG conseguira a representación sindical.

A decisión empresarial foi declarada nula pola xustiza, nunha sentenza que recoñecía que “o despedimento se produciu como represalia pola actividade sindical que ía desenvolver o actor”. Derivado deste proceso, a CIG ten presentada unha querela criminal contra o responsábel da empresa por un delito contra un dereito fundamental, como é a liberdade sindical.

En definitiva, as manobras da empresa resultaron pouco afortunadas para a compañía xa que, por laudo arbitral, o traballador despedido tivo que ser incluído no censo das eleccións celebradas o 1 de abril, sendo elixido delegado polos seus compañeiros.

Volver