O persoal de Seaga convocará folga se a Xunta non puntúa a súa experiencia na reestruturación do servizo contra incendios

Os comités de empresa das catro provincias piden que se cambie o decreto que regula a contratación
- 24 Ago 2018

Os comités de empresa de Seaga nas catro provincias galegas, presididos pola CIG, anunciaron hoxe que convocarán folga no caso de que a Xunta non teña en conta a experiencia dos traballadores/as desta compañía pública á hora de puntuar nas listas de contratación mediante a que se reestruturará o Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF).

Os presidentes dos catro comités de empresa compareceron hoxe en rolda de prensa en Santiago para confirmar que o persoal de Seaga optará por mobilizarse no caso de que a Dirección Xeral de Función Pública non responda na próxima semana ás peticións de xuntanza formuladas para abordar a problemática derivada da reestruturación do servizo. 

Só puntúa o persoal da Xunta e dos Concellos, polo que o de Seaga, con máis de 10 anos de experiencia, vai quedar fóra

Os representantes sindicais lembraron que a Xunta anunciou a creación de novas prazas no SPDCIF e a eliminación das prazas de prevención e extinción de Seaga, pero o persoal da empresa pública -arredor de 500 traballadores/as- non puntúa nas listas segundo o decreto que regula a contratación. “Só puntúa o persoal da Xunta e dos Concellos, polo que os traballadores/as de Seaga, con máis de 10 anos de experiencia nestas labores, quedarán fóra”, denuncian.

Diante disto, meses atrás mantiveron unha primeira reunión cos responsábeis autonómicos para trasladarlles a necesidade de puntuar, “e quedamos en manter unha segunda xuntanza para seguir avanzando no tema”. Dende entón solicitáronlle á Dirección Xeral de Función Pública manter o encontro até en dúas ocasións, “pero a día de hoxe aínda non tivemos resposta”.

En concreto, reclaman a modificación das listas do decreto para que se inclúa a puntuación do persoal de Seaga. “Se na próxima semana non temos contestación por parte de Función Pública convocaremos mobilizacións, como concentracións, manifestacións e mesmo unha folga”.

Franxas de protección

Finalmente, sinalaron que para os traballadores/as de extinción de incendios é básico puntuar nas listas xa que fai as mesmas labores e ten os mesmos mandos operativos , “polo que non pode ser que todo o mundo puntúe menos nós”.

Por outra banda, aproveitaron a comparecencia diante dos medios de comunicación para amosar o seu malestar polo recente convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a limpeza de franxas de protección arredor de casas e núcleos de poboación, traballos que asumirá o persoal de Seaga. “Non temos nin idea de en que van consistir, a pesar de que se prevé que as labores comecen a partir de setembro, criticaron.