O persoal de Seaga manifestarase este luns en Santiago e iniciará unha acampada diante da Xunta

Para denunciar a precaria situación laboral que sofren e esixir unha nova política en materia de prevención e extinción de lumes
A Coruña - 15 Set 2016
Os traballadores e as traballadoras de Seaga manifestaranse o próximo luns, 19 de setembro, dende a Praza Roxa até San Caetano para denunciar as condicións de “absoluta precariedade” na que se atopan e a “nefasta política” en materia de prevención e extinción de lumes da Xunta de Galiza.

A marcha sairá ás 12:00 horas dende a Praza Roxa e dirixirase cara o complexo administrativo de San Caetano. Ao remate da protesta, a intención do persoal de SEAGA é iniciar unha acampada na explanada anexa aos edificios da Xunta que manterán, cando menos, durante a vindeira semana.

Con esta acción, explican dende a CIG-Servizos, quérese pór de manifesto, unha vez máis, que “o operativo da Xunta é un caos”,  xa que se poden atopar nos montes galegos para tarefas de extinción máis de 11 entes de diverso tipo: medios propios da administración autonómica, Concellos, Tragsa e Natutecnia, entre outros.

Xunto a isto, as traballadoras e traballadores denuncian as precarias condicións laborais e económicas que padecen, ao ter contratos fixos-discontinuos dunha duración de tan só 3 meses que non lles permite acceder nin a subsidios familiares nin as axudas de 400€.

Así mesmo, demándase un cambio nas políticas para o medio rural e unha nova política forestal e que se unifique o servizo nun único dispositivo público “no que se garantan condicións laborais dignas para todas e todos os traballadores”.

Demanda colectiva

Precisamente, o mércores, a CIG informaba en rolda de prensa que se vai presentar demanda colectiva ante a Inspección de Traballo contra SEAGA por prolongar de forma inxustificada a xornada máxima legal a 18 das 32 brigadas que a empresa ten na provincia de Lugo.

O Presidente do Comité de SEAGA en Lugo, Héctor Ramón López,  xunto con Xerardo Alvaredo, da Xunta de Persoal da Xunta de Galiza, e o Secretario Comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, explicaron que unha das brigadas chegou a traballar durante 18 horas seguidas nas tarefas de extinción dun lume en Porto do Son. Unha situación, denunciaron, debida ao total descontrol e falta de coordinación no servizo.